Un libro por descubrir: unha aventura que percorrer.
Blog da Biblioteca do C.P.I. Dr. López Suárez. Friol

31.1.12

Día da paz e da Non Violencia.

Como todos os anos ( dende 1964), o día 30 de xaneiro celebramos nos centros escolares o "Día da Paz e da Non Violencia", conmemorando o aniversario da morte de Mahatma Gandhi, que foi asasinado o 30 de xaneiro de 1948.
Aproveitamos esta data para facermos unha reflexión sobre a necesidade de que o proceso educativo integre a solidariedade, a tolerancia e o respecto, como eixes formativos fundamentais para formar cidadáns que poidan acadar unha sociedade onde a paz e non violencia sexan bandeira, e onde os Dereitos Humanos sexan asumidos e respectados.
No acto celebrado onte non noso colexio, presentado por dúas alumnas de ESO, deuse lectura ás diferentes composición alusivas ao día, que previamente o alumnado dos diferentes cursos do noso CPI traballaron nas aulas. Paralelamente estivéronse formando continuas pompas de xabón - alegoría á fraxilidade do concepto--. Rematamos o acto cunha cantiga alusiva á paz.
Sabemos que non é cousa dun día, que hai que ir pondo o noso gran de area diario para podermos acadar unha praia solidaria e tolerante onde podamos vivir en paz.
Grazas a todas e todos.
As fotografías do acto podedes velas premendo neste enlace.

20.5.11

De serpes e segas ( I )

Deixamos nestas entradas os vídeos das representacións desta montaxe que se levaron a cabo os días 18 e 19 de maio de 2011, celebrando o Día das Letras Galegas e o Día Internacional dos Museos, na torre de San Paio de Narla

11.5.11

Día das Letras Galegas 2011: Lois Pereiro

Deixamos neste blog unha boa presentación sobre a vida e a obra de Lois Pereiro, elaborada polas alumnas de 4º María José Lamas e Lucía Cabado.
Como xa sabemos, este autor, de orixe monfortina, é a quen se lle dedica o Día das Letras Galegas este ano.
A maiores deixámosvos este enlace no que poderedes atopar máis información sobre Lois Pereiro







20.3.11

De como se poden facer as cousas:( I.E.S. Fontem Albei da Fonsagrada)

Estes días, por diferentes vías, chegou ata nós, este lipdup do I.E.S. Fontem Albei, da Fonsagrada.
Aparte da envexa que produce pensar na dinámica que permite e potencia a elaboración deste tipo de actividades dende a biblioteca do centro,aproveitar para felicitalos polo traballo ben feito que vén a demostrar que querendo todo é posible.
Desde aquí darlles os nosos parabéns. E a ver se algún día...

6.12.10

Deixémonos de dindirindainas! (II)

Seguindo coa montaxe do curso pasado, os próximos 17 e 18 de decembro --venres e sábado-- o grupo de teatro "Algo máis que pan e queixo" porá en escena a continiación de "Deixémonos de Dindirindainas !". Seguindo a liña do ano pasado, nesta representación predominan os monólogos en clave de humor onde non se deixa "títere con cabeza" e ao tempo pretenden translucir unha crítica ás pautas sociais establecidas.
Este ano, incorporamos algunhas novidades ( non as imos desvelar) que afectan principalmente á posta en escena. 
Este curso anovamos o cadro do grupo. Botaredes en falta ás que deixaron o C.P.I. e comprobaredes que contamos con novas incorporacións.
Estas novas integrantes, xunto coa veteranía dalgunha das participantes --algunhas, con estas dúas representacións, levarán xa catorce participacións: Lucía Argerey, María José Lamas e Laura G. Viñas--  forman un grupo que cremos acadarán un seguro éxito.
Esperemos que botedes unhas risas e ao tempo pensedes nas posibles segundas lecturas que a representación vai ter.

23.11.10

Magosto

O pasado día 12 de novembro --venres-- celebramos o magosto no centro escolar. Había anos que por razóns diferentes non celebrabamos esta festa emblemática do noso calendario tradicional. Este ano, parece que virou o vento e empurrounos á celebración que tendo a castaña como eixo fundamental permiter facer todo aquilo que sexamos quen de facer.
De xeito ben organizado, todos sentadiños, fomos comendo nas castañas --previamente asadas nun forno da localidade-- ata fartar , polo que o corpo pedía algo de marcha e a rapazada botouse a participar nos múltiples xogos tradicionais organizados para tal evento.
O grupo de cantareiras devecía por botar uns cantos e sen insistir moito, cantaron e repicaron a pandeireta con moito estilo (hai que recoñecer que onde hai boa mestra e bo alumnado o resultado polo xeral soe ser exitoso). Notáselles a algunhas das pandeireteiras que non deixaron o instrumento no verán. Felicidades.
Pero a maiores este grupo, ben animoso por certo- habiamos aprender todos del-- botouse ao baile formando un curro altamente participativo amén de festivo.
Cara o ano que vén habería que mirar de facer unha pequena fogueira--botei de menos o poder tisnar a algún,sei que co risco de ser tisnado-- e apoiándonos nas cantareiras tan marchosas preparar unhas cantigas alusivas á festa.
Ah! esquecía que as "repartidoras" e organizadora da actividade levaban un "tocado" ben xeitosiño. Se xa son xeitosas elas, co mandil e o pano lucían como a que máis.
Deixamos este vídeo da actividade:

1.11.10

A hora da lectura

Comezamos neste novembro unha andaina que esperamos sexa ventureira: Todos os días ímoslle dedicar un pouco de tempo á lectura na clase, independentemente da sesión na que esteamos. Trátase de facer da lectura, unha verdadeira ferramenta de lecer. A quen non lle gusta dedicar un tempo diario a algo que resulte ameno e divertido?
Esa é a idea. Cada un de nós, de todos nós, profesores, profesoras, alumnos e alumnas, durante este tempo que irá escalonado nas diferentes horas lectivas, segundo o calendario elaborado polo Centro, faremos do libro un amigo co que iniciar unha aventura.
Xa sabedes que no caso de non traerdes libro--pola razón que sexa-- na vosa aula haberá un caixón con algúns títulos para suplir a falta de memoria.
Desde aquí saudamos esta iniciativa e xa estamos desexando inciar a actividade.

20.9.10

Do teatro ás pandeiretas

Achegamos aquí o cartel que convoca a aqueles alumnos e alumnas de E.S.O. que queiran participar neste curso nos Obradoiros de Teatro e de Pandeiretas.
Está aberto o prazo ata o 8 de outubro.
O grupo de pandeireteiras seguirá coordinado por Nazaré, e esperamos se animen máis alumnos para que no nadal poidamos saír cantar os reis.
Por outra parte tamén botamos a anadar co grupo de teatro. Despois dos éxitos acadados estes anos atrás, pensamos seguir na mesma liña e facer as dúas montaxes habituais: Para o mes de Nadal a continuación de Deixémonos de dindirindainas ! ( 2ª parte ) e xa para o mes de maio a obra que representaremos na torre de San Paio. Seguen os mesmos responsables coa actividade polo que non temos que contar nada que non se saiba.
Empezamos con ganas e esperamos que vos apuntedes. Gustaríanos que os obradoiros medrasen.

10.9.10

Empezamos

Iniciamos un novo curso, de momento en Primaria e Infantil, coa mesma ilusión e ganas de traballar coas que rematamos o pasado ano. 
En primeiro lugar, saudar a todos os membros novos da comunidade educativa, tanto pais, como alumnos de Infantil e por suposto ás novas incorporacións dentro do profesorado.
Contabamos con novos equipos informáticos para empeza a funcionar como C.E.D. ( Centro Educativo Dixital ), pero de momento teremos que armarnos de paciencia e esperar a que se resolvan os atrancos que impediron que o Proxecto Abalar fose posto en marcha segundo o previsto.
No contorno, observamos con mágoa a desaparición do parterre cos camelios que ornaban a saída do colexio. Se o ano pasado perdemos as coníferas do patio, este ano tocoulles a estoutras árbores. Semella que a doutrina de "menos cemento e máis talento" non é asumida por estes lares. En fin...
Coas baterías recargadas, cun máis que merecido descanso, os rapaces e rapazas do centro inician unha nova andaina para tratar de acadar máis coñecementos e competencias, e,  o que é máis importante, prepararse para ser un cidadá libre, crítico e responsable.Esa é a nosa aposta, e desde o blog da biblioteca esperamos pór o noso gran para acadar eses obxectivos.
Por outra parte tamén seguiremos co Plano Lector que iniciamos o pasado curso,o  que nos vai permitir  --entre outras cousas-- gozar da lectura dentro do horario escolar, co aire lúdico que pode ter dita actividade.
Empezamos.

22.6.10

Graduación dos alumnos de 4º de E.S.O.

Hoxe celebrouse a festa de Graduación da promoción que este ano remata 4º de E.S.O.
Só sumarnos á festa e aproveitar o vídeo que montaron e que recolle algún, dos diferentes momentos do seu paso polo centro.
Felicitalos por ter cumprida unha etapa no seu proceso formativo e esperar que sigan acadando novas metas.
Que os vosos soños se convirtan en realidade é un desexo da Comunidade Educativa, sabedora de que o seu futuro estará ,en breve, nas vosas mans.
Que todos os que saídes do centro este curso, sexades capaces de loitar por un mundo onde a solidariedade, o respecto e a xustiza sexan algo máis que palabras.
Moitas felicidades.



A montaxe do vídeo é obra da alumna Marta Blanco Pardo que deste xeito remata a súa andaina polo Centro. 

19.6.10

De Azinhaga a Lanzarote: Unha viaxe polo mundo

Morreu Saramago. Deixounos un modelo de escritor comprometido co mundo.
Certo que era un Premio Nóbel "...e que?" repostaba cun aquel de indiferenza de quen sabe que o verdaderio premio está na reivindicación constante e na denuncia permanente da inxustiza.
Deixamos aquí un seu pensamento recollido do seu blog "Outros Cadernos de Saramago" :
"Acho que na sociedade actual nos falta filosofia. Filosofia como espaço, lugar, método de refexão, que pode não ter um objectivo determinado, como a ciência, que avança para satisfazer objectivos. Falta-nos reflexão, pensar, precisamos do trabalho de pensar, e parece-me que, sem ideias, nao vamos a parte nenhuma" (Revista do Expresso, Portugal (entrevista), 11 de Outubro de 2008).
Quedan con nós as súas obras, o seu pensamento e a súa actitude.

28.5.10

John Thompson. Un norteamericano que fala e estuda o galego.

Hoxe tivemos a segunda charla prevista no ciclo relacionado co Día das Letras Galegas. Despois dunha clarificadora presentación por parte da profesora de Historia, onde quedaron claros aspectos biográficos e bibliográficos do relator, pasamos a escoitar a conferencia deste norteamericano interesado pola nosa lingua e cultura. E non só interesado, senón fervente e defensor militante da lingua galega. Diciamos do outro relator que era raro; aquí só nos queda dicir que aparte de raro, é atractivo o seu posicionamento."Habiamos aprender todos del"
Nun ton supermoderado, John Thompson, explicou, con claridade, o tránsito histórico dende a II República ata o ano 2002, data na que grazas o labor altruísta e vindicativo da Asociación da Recuperación da Memoria Histórica dirixida por Santiago Macía, empezaron a realizarse as primeiras recuperacións e dignificacións da memoria dos desaparecidos da guerra civil, e que grazas  a esta agrupación moitas familias puideron --despois de moitos anos-- dar por rematado un periodo de fonda intranquilidade por saber onde estaban os restos dos seus seres queridos.
E deixou unha pinga para a reflexión: Se nun país como o seu -- aínda que pode presumir de ser un cidadán do mundo-- por mor da discriminación positiva nas universidades, a súa presenza nas mesmas permitiu que un Obama chegase a presidente... ao mellor é que aquí realmente hai medo a que iso ocurra--non ao do negro --que seguramente que tamén-- senón ao feito de que un galego non amplo senso chegase a dirixir os destinos deste minúsculo territorio.
Grazas John, por espallar e defender a nosa cultura. Como ben dis, "paleto" é aquel que se nega a recoñecer que todo coñecemento aporta e enriquece. Alá coas súas teimas os ignorantes que deslexitiman o uso dunha lingua. 
Gustaríanos ser alumnos teus na Universidade de Montana.   

26.5.10

Pandeireteiras de Friol. 1ª actuación

O pasado día 14 de maio, as pandeireteiras que xa levaban uns meses de ensaio, decidiron iniciar a súa andaina folclórica polas clases do Centro, aproveitando a celebración do Día das Letras Galegas.
Escolleron aos alumnos de Infantil,e fixeron resoar as súas pandeiretas acompañando co seu son ás cantigas preparadas para a ocasión.
Nós uqe non puidemos estar presentes na sesións, escoitámolas nos ensaios previos á mesma e, aínda que levan pouco tempo traballando a percusión, xa se aprecian por un lado os avances na técnica do instrumento e por outra parte o interese crecente pola actividade.
Desde o blog da biblioteca animámolas a seguir e felicitamos á coordinadora da actividade que tanto empeño pon na mesma.
Felicidades a todas.
Nota: Non colgamos antes esta entrada porque andamos bastante enleados.Pedimos desculpas aos que estivesedes esperando por nós. Esperamos ser máis áxiles en próximas ocasións.

25.5.10

Friol nas XI Xornadas de Artes Escénicas

No día de hoxe o grupo de Teatro "Algo máis que pan e queixo" participou xunto co I.E.S. As Insuas de Muros, e os C.P.I. de Touro e Vedra, os dous da Coruña, na segunda xornada destes encontros teatrais.
O grupo de Muros , coordinado por Casas, representou a obra Agromar. Na mesma, un grupo de adolescentes reflectían as súas preocupacións e a súa diferente sensibilidade á hora de buscar saídas, a unha idade complicada. Gustounos.
Os de Touro e Vedra, dous C.P.I. que comparten actividades extraexcolares, neste caso coordinados por Alfonso - membro do grupo de teatro Metátese de Palas de Rei-- propuxeron mesturando son, imaxe e representación teatral, unha chea de dúbidas en diferentes formatos relacionados coa existencia do home no senso amplo do termo. Polo medio houbo tamén algunha chiscadela na que puxeron nalgún apreto subido ao escenario, ao coordinador do grupo de teatro friolés. Tamén nos gustou,... sobre todo ver ao profe en apuros.
Hai que lembrar que o coordinador do grupo --que foi tamén o que iniciou a práctica teatral en Muros-- foi , no seu momento, presidente da Federación Galega de Teatro Amateur. O título da obra: Palabras, que xa levan representado varios anos e mesmo representaron en Barcelona e Italia.
Do noso grupo, os primeiros en actuar, non imos dicir nada que non saibamos, iso si, chamou a atención a calidade de declamación das nosas actrices e a nula presenza masculina.
Como agasallo, as participantes recibiron unha camiseta alusiva á actividade.
Só queda agradecer á organización as facilidades e atencións recibidas.

11.5.10

Un poema de Uxío Novoneyra recuperado polo C:P.I. L. D. Moreno de Baralla

Do C.P.I. Luís Díaz Moreno de Baralla, insertamos esta presentación  e o seu comentario , ao tempo que felicitamos aos autores da mesma pois recupera un poema pouco coñecido de Uxío Novoneyra.
Di así:
"Manoel de Ribadaira foi unha vítima inocente do tempo que lle tocou vivir. Como en moitos outros lugares, no Courel tamén se practicaban "paseos" contra persoas que estaban baixo sospeita. Manoel foi unha delas. Con este poema de Novoneyra, se cadra pouco coñecido, recuperamos a memoria histórica".




Todo o que se publica neste blog respecta os dereitos de autor.
Se alguén considera que algunha imaxe ou calquera outro elemento publicado vulnera estes dereitos, agradeceriamos se nos comunicase para eliminalo inmediatamente. Grazas