--Recordas cal foi o teu primeiro contacto co mundo do teatro?
Estaba en 8º de EXB , agora é 2º da ESO, non?, e fixemos unha obra de teatro co fin de recadar cartos para a excursión de fin de curso. Era unha obra en castelán, de Miguel Mihura. Unha compañía de teatro afeccionado que viu a función chamoume para actuar con eles.
--Como foron eses comezos?
Ós 15 anos comecei como afeccionado-serio, con moita dedicación. Iamos ensaiar todos os domingos e dous ou tres días por semana. Como profesional comecei ós 20 anos.
--Es actor, guionista, autor teatral, narrador oral, director de escena….En cal destas facetas te atopas máis cómodo ou disfrutas máis?
Son basicamente autor teatral, director de escena, narrador oral e actor. Eu resumo todo en que son cómico.
--Os teus espectáculos van dirixidos a distintos tipos de público, adulto, adolescente, nenos… Cal é o máis receptivo?
O público mesturado, onde hai xente máis maior e máis nova, porque entón hai estímulos e mensaxes que capta un neno, outros os máis maiores, e todo isto causa unha especie de disfrute colectivo. O maior divírtese porque ri o neno, aínda que el non o captara, e cando quen ri é o avó posiblemente o neno tamén entre en comuñón con todo aquilo. Quen di divertir, di sentir. O público mesturado onde a maior parte del sexa de mediana idade é o mellor.
O máis duro quizais sexa o público da terceira idade porque é difícil de mover.
O público adolescente non é o último, é dos primeiros, pásoo moi ben con eles. Eu poñería en segundo lugar do ránking ós adolescentes dos institutos.
Si, claro. Estou cunha obra teatral que escribín e dirixín que se chama a Piragua. Representáraa co Centro Dramático Galego e agora retomeina cunha compañía privada. Trata da violencia de xénero, do maltrato á muller. Tamén outra peza unipersoal, Historia tricolores, na que mesturo a narración e o teatro. Dou cursos, presento festivais... Eu son cómico e vivo de facer moitas cousas distintas, entre outras razóns porque é necesario. É un pluriemprego que a min me gusta, pero ademais que sen el... Quero dicir que os actores que unicamente son actores teñen moitos problemas económicos para poder estar aí. Teño algúns amigos que agora o están pasando mal porque unicamente fan iso, ser actores, e se non traballan nunha serie, nunha obra de teatro, poden estar seis , sete, oito meses sen cobrar un peso. Claro, o actor cando traballa cobra moito, non vou vir aquí a chorar. Cando está nunha película cobra moito diñeiro, pero sabe que despois pode estar tempo sen traballar en nada e ten que gardar das risas para os choros.
No hay comentarios:
Publicar un comentario