11.6.09

En galego podemos chegar a todas partes ( guste ou non)

Desde o blog da Biblioteca de Friol queremos facer un chamamento á cordura , que non parece sexa a que guíe os primeiros pasos dados polo novo conselleiro.
Gustaríanos saber a quen lle hai que dar máis credibilidade con respecto a esta pseudoconsulta que pretenden pasar como democrática, cando calquera observador imparcial a entende como algo sesgado e sen valor real ningún, cando nin sequera recolle tódalas posibilidades que ofrece o marco legal.
Diante de tal proposta "A Mesa pola Normalización Lingüística, xunto con outras organizacións con presenza no ámbito educativo, consensuou un posicionamento fortemente crítico coa consulta que está a realizar a Consellería de Educación. Ademais da propia Mesa, subscribiron ese posicionamento a Asociación de Directores e Directivos dos I.E.S., a AS-PG, CC.OO, CIG, Comités, Coordenadora de Equipas de Normalización e Dinamización Lingüística de Ferrolterra, Coordenadora de Equipas de Normalización e Dinamización Lingüística de Compostela, Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística, CSI-CSIF, Federación de ANPAs de centros públicos de Ferrolterra, FETE-UXT, Nova Escola Galega e STEG.
Tendo en conta as valoracións realizadas nese posicionamento unitario, A Mesa realiza as seguintes propostas para facermos unha oposición activa a esta pseudoconsulta:

Marcar a opción “galego” (en infantil e FP) e “todo en galego” (primaria e secundaria), porque desta maneira estariamos a indicar que queremos en galego as materias que hoxe se deben impartir na nosa lingua, tal e como indica o decreto en vigor. Non significaría, por tanto, que optemos por todo o ensino en galego, pois esta opción non a considera a Consellería.
Incluír na epígrafe de observacións da consulta unha petición semellante á que se expresa a continuación:
Desexaría que o ensino fose en galego, unha opción que non recolle esta enquisa.
Estou a favor da aplicación do decreto actual de promoción e uso do galego no ensino, realizado co consenso da comunidade educativa e que emana do Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobado por unanimidade no Parlamento galego.
Todo o anterior fai que os resultados desta consulta non me parezan lexítimos.

Cómpre que se dean a coñecer estas propostas ás familias con estudantes que vaian participar na consulta. Temos só esta semana e a vindeira (até o día 19) para o facermos.
Así mesmo, podemos divulgar unha sms co seguinte texto: “Consulta ensino en galego: Sinala galego/todo galego". En observacións pon: "Todo o ensino en galego. Aplicación actual decreto. Deslexitimo resultado da consulta.”

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Todo o que se publica neste blog respecta os dereitos de autor.
Se alguén considera que algunha imaxe ou calquera outro elemento publicado vulnera estes dereitos, agradeceriamos se nos comunicase para eliminalo inmediatamente. Grazas