1.5.10

Raro, raro,raro,...

Así poderiamos resumir a conferencia que hoxe pronunciou no Centro Sociocultural, Luís Villares; e non porque sexa un xuíz o que veña darnos unha charla, que non é o usual, nin porque a súa mensaxe a poidamos cualificar de rara.
Se así dicimos, é porque despois da súa exposición deixounos clara a situación da lingua galega, e como os prexuízos orixinan situacións ben chocantes; que, se non fose porque poñen en perigo a supervivencia dunha lingua, faríannos rir con esa risa sa e natural que temos en Galiza.
Porque raro é que moitos dos nosos devanceiros que despois de desenvolver toda a súa vida na súa lingua nai, á hora de 'cambiar de barrio', tanto para a nota necrolóxica como para a función relixiosa ou para a propia lápida, a lingua empregada sexa a castelá.
Causa, tamén, estrañeza o feito de que moitas persoas galegofalantes, ao traspasaren a porta dunha oficina, dun consultorio, dun organismo, muden de lingua e empreguen o castelán. Curioso
Non menos raro é o feito de que sendo os pais dun rapaz ou rapaza, galegofalantes entre eles, sen embargo se dirixan en castelán aos seus fillos.
Todas estas rarezas veñen provocadas polos prexuízos –actitude non fundamentada en razóns probadas - que moitos teñen tan asumidos que consideran o máis normal o cambio de lingua citado nas ocasións antes comentadas. Raro.
Isto, cremos nós, non é outra cousa que o reflexo dunha diglosia (emprego dunha lingua considerada máis culta para as relacións sociais máis elevadas deixando a outra relegada ás situacións sociais menos formais)que impide a harmonía lingüística na que cren vivir algúns e fai necesario un apoio sen reservas a un ben que é o noso patrimonio e que debemos defender.
A verdade é que, co ameno e claro que foi este xuíz da Fonsagrada, pasou a conferencia sen nos decatar.
Só queda agradecer que se achegase a estas terras e que compartise este tempo con nós.

1 comentario:

  1. Perdón , puxen o comentario onde non era.
    Aquí é onde quería poñer
    "Podíades falar de máis cousas raras, que supoño as hai... ou non ?"

    ResponderEliminar

Todo o que se publica neste blog respecta os dereitos de autor.
Se alguén considera que algunha imaxe ou calquera outro elemento publicado vulnera estes dereitos, agradeceriamos se nos comunicase para eliminalo inmediatamente. Grazas