23.11.10

Magosto

O pasado día 12 de novembro --venres-- celebramos o magosto no centro escolar. Había anos que por razóns diferentes non celebrabamos esta festa emblemática do noso calendario tradicional. Este ano, parece que virou o vento e empurrounos á celebración que tendo a castaña como eixo fundamental permiter facer todo aquilo que sexamos quen de facer.
De xeito ben organizado, todos sentadiños, fomos comendo nas castañas --previamente asadas nun forno da localidade-- ata fartar , polo que o corpo pedía algo de marcha e a rapazada botouse a participar nos múltiples xogos tradicionais organizados para tal evento.
O grupo de cantareiras devecía por botar uns cantos e sen insistir moito, cantaron e repicaron a pandeireta con moito estilo (hai que recoñecer que onde hai boa mestra e bo alumnado o resultado polo xeral soe ser exitoso). Notáselles a algunhas das pandeireteiras que non deixaron o instrumento no verán. Felicidades.
Pero a maiores este grupo, ben animoso por certo- habiamos aprender todos del-- botouse ao baile formando un curro altamente participativo amén de festivo.
Cara o ano que vén habería que mirar de facer unha pequena fogueira--botei de menos o poder tisnar a algún,sei que co risco de ser tisnado-- e apoiándonos nas cantareiras tan marchosas preparar unhas cantigas alusivas á festa.
Ah! esquecía que as "repartidoras" e organizadora da actividade levaban un "tocado" ben xeitosiño. Se xa son xeitosas elas, co mandil e o pano lucían como a que máis.
Deixamos este vídeo da actividade:


No hay comentarios:

Publicar un comentario

Todo o que se publica neste blog respecta os dereitos de autor.
Se alguén considera que algunha imaxe ou calquera outro elemento publicado vulnera estes dereitos, agradeceriamos se nos comunicase para eliminalo inmediatamente. Grazas