Blog da Biblioteca do C.P.I. Dr. López Suárez. Friol

20.12.16

Club de lectura


O señor Ibrahin e as flores do Corán é un libro que nos transmite a liberadora idea de que nada está predeterminado, de que cada  un de nós podemos conformar quen somos, incluso superando os estritos condicionantes da raza e a relixión.
Tamén nos leva a reflexionar sobre temas como a amizade, e incide no respecto polo outro e a comprensión ante a debilidade do ser humano, base imprescindible para a reconciliación con nós mesmos e os máis.
O alumnado integrante do noso Club de Lectura foi quen de percibir estes e outro moitos matices, por iso o disfrutaron coa súa lectura e compartiron as súas atinadas reflexións.      
No  curso anterior  a lectura e posta en común do libro  elixido levounos a realizar unha práctica artística. Ante a boa acollida por parte do alumnado decidimos continuar esta dinámica.
E como  nesta ocasión a temática que se propón dende Bibliotecas Escolares é a arte,  e a islámica resulta certamente descoñecida para o noso alumnado, decidimos realizar un achegamento á mesma. Centrámonos no coñecemento das súas características principais facendo fincapé na súa arquitectura; a mesquita como a súa obra máis emblemática, e os deseños ornamentais tanto xeométricos como vexetais.
Realizamos unha viaxe virtual pola mesquita de Córdoba a través da súa páxina web prestándolle unha especial atención ás arcadas. A continuación pasamos á parte práctica da actividade: tras un estudo da xeometría do arco, realizamos a escala real unha pintura do mesmo no patio.
Foi moi interesante percibir como o alumnado se deu conta de que unha obra literaria pode conducirnos a unha actividade plástica, e desexamos que esta á súa vez sexa un novo punto de partida para novos descubrimentos.
Velaquí o resultado.





No hay comentarios:

Publicar un comentario

Todo o que se publica neste blog respecta os dereitos de autor.
Se alguén considera que algunha imaxe ou calquera outro elemento publicado vulnera estes dereitos, agradeceriamos se nos comunicase para eliminalo inmediatamente. Grazas