24.4.17

Obradoiro e contada de Raquel Queizás




                O venres, día 7 de abril, tivemos unha visita de luxo. A actriz, contacontos e titiriteira Raquel Queizás viaxou ata as nosas terras para ofrecer ao alumnado da Eso un obradoiro de iniciación na arte de contar contos. Despois de crear un clima distendido e propicio para a desinhibición, mostrounos unha chea de técnicas e recursos para dar vida aos personaxes das historias, ensaiando distintas tipoloxías mediante a expresión oral e corporal. Ao final desta sesión o alumnado converteuse no verdadeiro  protagonista, deixándonos ver nalgún caso que, con traballo, poderán chegar a ser grandes contacontos.










Na segunda sesión o alumnado da Eso deixou o escenario para se converter en público e observar todo o aprendido na hipnótica actuación de Raquel diante do alumnado de Infantil. Ofreceu contos tirados das lendas, centrándose nos seres mitolóxicos da tradición galega, concretamente, trasnos e meigas.
E agora, o reto: o alumnado da Eso terá que se preparar para facer unhas contadas aos cursos de infantil nunha sesión no mes de xuño, día aínda por determinar. Ánimo a tod@s!
Agradecementos a Raquel por esta xornada, e recordemos o seu consello para lograr namorar cos contos: moita preparación e sentir o pracer pola transmisión oral.



No hay comentarios:

Publicar un comentario

Todo o que se publica neste blog respecta os dereitos de autor.
Se alguén considera que algunha imaxe ou calquera outro elemento publicado vulnera estes dereitos, agradeceriamos se nos comunicase para eliminalo inmediatamente. Grazas