Xa estamos a finais de xuño e toca despedirnos. Pero non queremos irnos sen comentar
unhas últimas cuestións.
Dende hai uns cursos un dos nosos fins é que os integrantes do club de lectura interactúen co
resto da comunidade educativa e con outros centros escolares. Tamén, na medida do
posible, coa súa contorna.
O que non chegamos a imaxinar era que a adaptación teatral que realizamos o curso pasado
do relato “O cocido”, da obra Instrucións para tomar café de Núñez Singala, acabase sendo
representada fóra do noso concello.
Deuse o caso de que, por proximidade familiar, unha traballadora social levou a peza ao seu
centro de maiores en Pedrafita. Alí foi moi ben acollida e decidiron ensaiala para representala
na festa do terceiro aniversario do CAM, centro de atención a maiores, Manuel Villasol.
Desexamos que a desfrutaran.
Tamén queremos facer mención a que, como no curso pasado, propúxose un libro tanto para
o club de lectura do alumnado como para o de adultos. A obra en cuestión foi Diario
completamente verídico de un indio a tiempo parcial de Sherman Alexie.
A valoración que realizaron os adultos foi moi positiva.
Resultou de grande interese contrastar as sensacións e sentimentos que predominaron en
cada un dos grupos tras a lectura. A visión adulta centrouse máis na crueza presente durante
toda a historia, por moito que o narrador relate nun ton neutro e sereno.
E non queremos despedirnos sen recomendar a lectura dalgún libro que acompañe este período estival.
O noso alumnado opina.
Paulo:
O señor dos aneis de Tolkien .
“Esta obra é ideal para os fans da aventura e a ciencia ficción, aínda que lla recomendo a calquera fanático da lectura. O señor dos aneis é sen dúbida unha lectura obrigatoria. Na miña opinión un libro de 10 e a maior obra literaria que existe”.
Mara:
Corredores de sombra de Agustín Fernández Paz.
“A historia conta o que sucedeu no verán de 1995 no pazo de Soutelo onde, durante unha obra, se descobre un esqueleto agochado dentro dunha parede. O cadáver tiña un buraco na cabeza feito por unha bala e levaba alí máis de cincuenta anos. Carla Soutelo foi testemuña desta descuberta e comezou a interesarse polo caso.
Recomendo este libro a todo aquel que lle guste unha narrativa de misterio, con alusións históricas e de amor”.
Marcos Varela:
Pel de lobo de Xosé Miranda.
“Trata sobre Xosé e o seu pai, aos que foron buscar para acabar cuns lobos na zona do Incio. Os animais eran particulares tanto no aspecto como no comportamento.
Gustoume este libro porque é moi entretido. A historia sempre te leva a querer saber como segue e como acaba.
É un dos mellores que lin”.
Mateo Sánchez:
Astérix e Obélix e a volta á Galia de René Gosciny ou Albert Uderzo.
“Este libro trata sobre un pequeno pobo no norte de Francia, na antiga Galia, que resiste á opresión do Imperio Romano de Xulio César.
Os romanos planean cercar a vila para incomunicar o asentamento co resto do mundo e así conseguir ocupar a localización. Astérix e Obélix retan ao comandante do sitio dicindo que van saír do pobo e mesmo dar unha volta á Galia e, para demostralo, traer a especialidade gastronómica de cada lugar que visiten”
Recomendo este libro para todas as idades xa que é fácil de entender e entretido”.
Susana López:
Apocalipse Z de Manel Loureiro
"Este libro gustoume moito, tanto pola forma na que está escrito como polo misterio que contén. Nunca sabes o que vai a acontecer.
Conta a historia que lle sucede a un avogado e o seu gato durante unha epidemia zombi en Galicia.
Recoméndollo a todas as persoas as que lles gusten os libros de misterio, aventuras e de mortos viventes.
Non o considero axeitado para aqueles ós que non lle gusten os momentos intensos e extremos, xa que o libro contén bastantes momentos realmente de moito estrés e de adrenalina”.