4.11.15

Club de lectura



Durante varias semanas puidemos ver colgados nas aulas e no corredor os cartazos que anunciaban a posta en marcha do Club de Lectura neste curso. E foi o día 26 de outubro cando @s compoñentes reuníronse coa nosa compañeira Ana Vázquez, coordinadora da actividade, para ter a primeira toma de contacto. Na sesión dedicáronse a falar dun modo distendido do propósito que ten o grupo para se reunir en torno á lectura voluntaria e pracenteira e do interesante que pode ser a experiencia de compartir as lecturas comúns.


A continuación Ana fixo unha introdución e contexto do primeiro libro a ler. Trátase de O pintor do sombreiro de malvas do autor Marcos Calveiro. Ademais do libro, entregou os carnés do Club e unha libreta feita para a ocasión onde @s rapac@s poden anotar as súas impresións. As primeiras follas ofrecen información sobre algúns dos aspectos narrativos a ter en conta e que de seguro será de gran axuda para afondar e sacar máis rendemento ás lecturas. Está a vosa disposición máis abaixo.


Só nos queda dar a benvida ao grupo e desexarlles que pasen moi bos ratos tanto na lectura como ao compartir diferentes interpretacións dos relatos. Aproveitamos para animar ao resto do alumnado a sumarse ao Club.

Contido da libreta

Ola! Benvid@ ao teu Club. Estamos moi contentos de que te unas a nós nun espazo onde comentar as lecturas de forma distendida e amena, intercambiar impresións e compartir as nosas preferencias literarias.
Como este curso leremos obras narrativas ímosche dar unhas pequenas nocións sobre algúns dos seus aspectos, e se te animas a botarlles unha ollada, cremos que che servirán para sacar un maior rendemento á túa lectura.

Así que aí van uns apuntamentos básicos de comentario literario:

Con respecto ao CONTIDO podemos destacar:

ARGUMENTO: un breve resumo da obra.

Na ESTRUTURA DO CONTIDO é importante identificar o CLÍMAX, é dicir o momento de maior emoción da narración. Cando se sente maior alegría, tristeza, temor...emoción, en fin.


O TEMA: sería dicir en poucas palabras de que trata a obra. Por exemplo de amor, de terror, de aventuras, histórica, de ciencia ficción....
Pode haber un tema principal e outro ou outros secundarios. Por exemplo, nunha narración de ciencia ficción pode haber un subtema amoroso... Xa sabes rapaz coñece rapaza, rapaz coñece rapaz, rapaza coñece rapaza ...


O NARRADOR:
Non o confundas co autor. Autores son Marina Mayoral, Agustín Fernández Paz, Méndez Ferrín, Ledicia Costa..., noutras palabras, @ escritor@.  O narrador é un personaxe máis, e a súa función é contarnos a historia.
Temos que ter en conta a persoa e o punto de vista:
Os principais narradores están en ou persoa.
O punto de vista pode ser interno ou externo. Se o narrador é un personaxe da historia é un punto de vista interno, se pola contra está fóra dela, pois claro, é externo.

Os narradores internos poden ser:

EN  PRIMEIRA PERSOA: o punto de vista é interno.

EU PROTAGONISTA: como ben se pode entender é cando o protagonista principal da historia é o mesmo que a conta. Como se nós contamos algo que nos sucedeu a nós mesmos.
EU TESTEMUÑA: cando o narrador é un personaxe secundario que conta os acontecementos que lles suceden aos personaxes principais, nos que el tamén se pode ver envolto. Como se contas algo que lle sucedeu a un amigo teu e ti o relatas, por exemplo, porque o acompañabas.

 EN TERCEIRA PERSOA: o punto de vista acostuma a ser externo:

NARRADOR OMNISCIENTE: o narrador sábeo todo sobre os seus personaxes: os seus pensamentos, ideas, sentimentos... Coñece o seu pasado, opina sobre aspectos do relato, fai valoracións... En conclusión, sábeo todo, todo, todo...

NARRADOR OBXECTIVO: o narrador conta só o que ve e escoita, como se fose unha cámara de cine. Non dá opinións, non fai valoracións. 

OS PERSONAXES

Personaxe principal: protagonista da acción do texto.
Personaxe secundario: periférico na acción do texto.
Personaxes reais: teñen correspondencia na realidade: unha rapaza, un can, un investigador.....
Personaxes imaxinarios: non teñen correspondencia na realidade: unha fada, un gnomo, unha bruxa...
Personaxes planos ou rectilíneos: esquemáticos, que non evolucionan ao longo do relato. Non cambian, sempre se comportan       igual.
Personaxes redondos: van evolucionando e deseñando os seus perfís ao longo da narración.
Personaxe figurante: irrelevante para o desenvolvemento da historia; funciona   como elemento dun cadro compoñendo o espazo            social, pero nadiña do que fan ten importancia para a historias.
Personaxe antagonista: na trama da historia representa a oposición ao protagonista, normalmente un vilán que se opón ao heroe, que acostuma a ser o protagonista.

A VOZ DOS PERSONAXES
O narrador ás veces conta o que din os personaxes coas súas palabras e outras veces cédelles a voz. Segundo isto temos:
ESTILO DIRECTO: reprodúcense ao pé da letra as palabras ou pensamentos dos personaxes. Aparecen entre aspas ou guións e normalmente introdúcense cuns verbos que se denominan “verba dicendi”, verbos como: dicir, pensar, preguntar, responder... (aínda que poden non aparecer). Hai exclamacións, interrogacións...
Exemplo: O rapaz dixo:“Que pelazo teñen os de Auryn!!”
ESTILO INDIRECTO: o narrador reproduce coas súas propias palabras (as do narrador) o que din os personaxes. 
Exemplo: O rapaz dixo que os de Auryn tiñan un pelo macanudo.

O TEMPO
Tempo da historia: é o tempo dos acontecementos narrados, medibles en unidades cronolóxicas. A historia que se nos conta pode suceder nun minuto, nunha hora, nun día, nunha semana, nun mes, nun ano, nun lustro, nunha década, nun...
Tempo do discurso: ten que ver coa orde e ritmo da narración.
Tempo lineal ou continuo: é o modo máis elemental do relato, prodúcese un ordenamento cronolóxico dos feitos que aparecen no texto.
Tempo anacrónico ou descontinuo: cando non se conta a historia de forma lineal senón que se dan saltos temporais, cara adiante, cara atrás...
Analepse ou flash back: ruptura da secuencia cronolóxica mediante a intercalación de feitos do pasado.
Prolepse ou flash forward: ruptura da secuencia cronolóxica mediante a intercalación de feitos do futuro.
Tempo simultáneo: ruptura do ordenamento cronolóxico ao representar en sucesión feitos que son simultáneos. Por exemplo, nun capítulo conta un personaxe o que lle ocorre e no seguinte capítulo outro personaxe conta o que lle aconteceu a el nese período de tempo.
Tempo rápido (ritmo rápido): moitos feitos en poucas palabras. Oracións curtas, coordinadas ou xustaposta, resumos, elipses...que dan sensación de viveza, rapidez. .  “Eu nacín, crecín e fíxenme home”. Máis rápido non pode ser!
Tempo lento (ritmo lento): poucos feitos en moitas palabras. Períodos longos, subordinadas, descricións pormenorizadas, digresións... E non hai forma de que a acción avance! Ou faino moi lentamente...


O ESPAZO
Segundo a referencia á realidade: existente ou imaxinario.
Segundo a referencia á realidade ambiental: rural urbano, marítimo...
Segundo a mobilidade: itinerante (os personaxes andan dun lugar para outro)
boomerang (comeza nun lugar, os personaxes cámbiano pero acaban volvendo ao inicio, estático (sempre no mesmo lugar)...
Segundo o que simboliza: espazo simbólico, con connotacións positivas ou negativas...


 POR SE QUERES ANOTAR OS TEUS PENSAMENTOS.....

O meu personaxe favorito é...

Resúltame odioso o personaxe de...

Síntome identifiad@ co personaxe de...

Véxome reflectid@ nos pensamentos que ten ou situacións que lle ocorren a...

Chamoume a atención esta reflexión, ou frase...

Outras ideas que me roldan pola cabeza...

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Todo o que se publica neste blog respecta os dereitos de autor.
Se alguén considera que algunha imaxe ou calquera outro elemento publicado vulnera estes dereitos, agradeceriamos se nos comunicase para eliminalo inmediatamente. Grazas