26.6.18

Club de Lectura



Neste terceiro trimestre escindiuse o noso club!!! Pero non foi por diferenzas insuperables, non; foi unha cuestión puramente de temáticas literarias.
No primeiro ciclo tiramos cara ao sobrenatural, e os de 1º da ESO lemos a obra  Feitizo, de Xosé Miranda. A protagonista, unha rapaza adolescente, é filla dunha bruxa. Si, así como soa. Pero non da típica meiga que todos e todas temos en mente, senón dunha muller nova, guapa, moderna... O conflito, e polo tanto a historia, comeza cando a filla non está disposta seguir a tradición familiar; non lle interesa a meiguería. E nisto as das bruxas non deben ser moi distintas a moitas familias tradicionais, porque non acepta de bo grao a decisión da súa filla e fai todo o posible para que volva ao “seu” rego.
En  2º da ESO o libro escollido foi Cando petan na porta pola noite, de Xabier P. Docampo.  O título xa o di todo. Trátase de cinco historias narradas con técnicas da oralidade e que se desenvolven nun mundo non exento de violencia no que o sobrenatural cobra un papel protagonista. Algunhas resultaron verdadeiramente inquietantes.
Cando nos reunimos para comentar as lecturas retrocedemos no tempo e  parecía que en lugar de nos atopar na nosa colorida biblioteca nos encontrabamos ao redor dunha lareira nunha noite de inverno. Cada un dos grupos  contamos as nosas historias  ao outro, ampliamos o vocabulario sobre meigas e meigallos e puxemos en común os nosos medos.









En canto ás rapazas de 3º e 4º da ESO dedicámonos ao teatro e á poesía: Marta ante o espello, de Teresa Calo, e Penúltimas tendencias de Carlos Negro foron os libros escollidos.
O primeiro é unha obra teatral na que a autora aborda unha temática difícil: a anorexia e a bulimia. Nun monólogo, que ás veces se converte nun falso diálogo, a protagonista   comparte con nós  unha etapa da súa vida.
Tras a lectura entendemos algo mellor as causas que levan a certas persoas a padecer unha enfermidade sobre a  que moitas veces damos opinións e xulgamos con demasiada lixeireza.
Cremos que  un dos acertos da obra  é que somos plenamente  conscientes do sufrimento da protagonista sen que autora nos conduza polo camiño do dramatismo, e mesmo permitindo que nalgúns momentos da lectura esbocemos un sorriso, iso si, cun pouso acedo.
Moito nos deu que pensar e falar.

Penúltimas tendencias achéganos ao universo feminino da adolescencia, da mocidade. E como a visión se nos proporciona desde distintas perspectivas é imposible non verse reflectida nalgunha delas. E isto sempre é bo un aliciente para a lectura.
Sen lugar a dúbida tras ler e comentar a obra saímos máis reforzadas na idea de potenciar a individualidade fronte a esa uniformidade á que case todo o que nos rodea nos aboca. Tamén nos axudou a sentirnos mellor dentro da nosa propia pel.
Lectura, pois, moi recomendable.





Tras a posta en común dos poemas cada unha eliximos o que máis nos gustou.   3MSC,   MOMENTO FAMA,  FASE AKANE (Sublevación), VERDADE, BICO OU ATREVEMENTO, CASUAL LOOK foron os elixidos.

A continuación cada rapaza escolleu os dous versos que máis lle gustaran, impactaran... da composición elixida e, sentíndonos un pouco dadaístas, recortamos cada un destes versos, mesturámolos e collemos ao chou cada un deles. Finalmente escribímolos na orde de escolla e o resultado foi este:
Intentou tocarme,
para que saibas que fráxil cada paso que damos.
Ortigaba cos dedos,
para que entendas que o lume é xeo por dentro.
E o corazón...,
para darlle de hostias
á ignorancia.
Dúas voces que rara vez coinciden
con furados de rabia.
Lista
eu, co cerebro xusto no seu sitio,
ti, coas hormonas a cen por hora.
Mais permiten que os labios se contaxien.


Este curso tiñamos proxectado rematar as actividades do Club de Lectura cunha ruta  que nos levase a coñecer mellor o rico patrimonio artístico de Mondoñedo. Este lugar ademais da súas lendas, historia, arquitectura..., foi e é berce e/ou lugar vital de moitos escritores e escritoras.
Xa tiñamos todo preparado pero..., unha chuvia abundante e persistente fixo que tiveramos que aprazar a actividade.
Así que decidimos adozar  un pouco a situación tomando unhas lambetadas na biblioteca.
Despedímonos ata o próximo curso.
Feliz verán. 





No hay comentarios:

Publicar un comentario

Todo o que se publica neste blog respecta os dereitos de autor.
Se alguén considera que algunha imaxe ou calquera outro elemento publicado vulnera estes dereitos, agradeceriamos se nos comunicase para eliminalo inmediatamente. Grazas