20.5.19

Club de Lectura





  Durante o segundo trimestre as lecturas realizadas no club foron:
 En  1º da ESO    O  veleno da risa, escrito por Jaureguizar e ilustrado por José Matalobos,  Penúltimas tendencias en 2º e 3º da ESO e Makinaria en 4º da ESO; ambas da autoría de Carlos Negro.
 A  acción da primeira obra   ten como escenario principal a cidade de Lugo.  E é  nas súas rúas e edificios máis emblemáticos onde Tintimán,  o protagonista e reporteiro máis novo, namoradeiro e, segundo el,  máis espelido do mundo mundial,   terá que enfrontarse unha vez máis   ao  seu inimigo, o home da máscara.  Nesta ocasión  Tintimán   deberá recuperar    os planos  que se utilizaron no século III na construción   da muralla  e que  este delincuente roubou. Pero  ben vimos que non  resultou unha tarefa sinxela…



Visto o éxito que entre os rapaces e rapazas do club tivo o curso  anterior Penúltimas tendencias, decidimos que nesta ocasión   lese a obra o alumnado de 2º e 3º da ESO.  E a lectura volveu resultar!
A mesma aceptación tivo Makinaria entre o alumnado de 4º da ESO. E  é que con Carlos Negro resulta fácil  achegar os  rapaces e rapazas  á poesía; porque  a senten, a disfrutan e porque en moitas das composicións  o autor pon palabras ao que eles senten.   Por estas razóns a posta en común destes poemarios sempre resulta dinámica, emotiva e estimulante.



E as últimas lecturas deste curso son:  en 1º da ESO  o  cómic Astérix en Italia (en galego) de Jean-Yves Ferri  e   Didier Conrad R.  (os personaxes foron creados por R. Goscinny e A. Urdezo),    e Instrucións para tomar café de Núñez Singala para os demais cursos ( en 2º realizamos unha selección destes relatos)
No caso da primeira lectura percorreremos a Italia do ano 50 a.C. nunha carreira na que os nosos heroes galos lles poñerán as cousa moi difíciles aos romanos a base de moito enxeño e, por que non dicilo,  dunha pequena axuda…
En Instrucións para tomar café Singala ofrécenos un feixe de relatos, microrrelatos e contos na súa maior parte caracterizados polo humor, a ironía e os desenlaces inesperados.  Pero tras o sorriso  que nos provoca nun primeiro momento a lectura vén a inevitable reflexión sobre nós mesmos, os nosos comportamentos  e sobre a sociedade que estamos a construír.


No hay comentarios:

Publicar un comentario

Todo o que se publica neste blog respecta os dereitos de autor.
Se alguén considera que algunha imaxe ou calquera outro elemento publicado vulnera estes dereitos, agradeceriamos se nos comunicase para eliminalo inmediatamente. Grazas