28.4.22

Club de lectura

 

PRIMEIRO CICLO

Dúas moedas

Cando nos conectamos e nos relacionamos con outras persoas somos conscientes do diversa que é a vida. Este é o gran poder dos libros, facernos reflexionar e ver outras realidades sen saír da casa. Por iso no primeiro ciclo decidimos realizar a lectura da novela gráfica Dúas Moedas, que nos achega a unha aldea de Senegal a través dos ollos dunha adolescente.

Antes da lectura vimos un vídeo de presentación  no que a autora explica  as razóns que a conduciron a escribir esta obra logo de gañar un premio por un “fanzine” elaborado despois dunha viaxe a Senegal.

 

Presentación

 

Posto que o alumnado neste curso vai a elaborar “fanzines”pareceunos moi axeitado que visen a repercusión que poden ter e a importancia do proceso de creación.


 

 

SEGUNDO CICLO

22 segundos

Pouco máis do tempo que indica o título foi o que necesitou o alumnado para saber que era unha lectura  que lles ía gustar.

Comezamos co achegamento  á autora e logo realizamos a presentación do libro e  a lectura do primeiro capítulo. Posteriormente vimos algunhas das historias que recolle o documental emitido por RTVE O sexo sentido.  O visionado resultou moi emotivo e  calou fortemente en todos nós tanto polo tema como porque  son os propios protagonistas e as súas familias quen contan as súas vivencias.

 O sexo sentido

Durante  o tempo de lectura  individual xurdiron  múltiples sensacións que se foron comentando de xeito espontáneo en distintos momentos e espazos.

A obra foi valorada moi positivamente no momento da posta en común. Moitas foron as temáticas sobre as que debatemos e unánime a conclusión á que chegamos: o dereito  de toda persoa  a vivir   conforme a como é.  Tamén tomamos conciencia de como actitudes, comentarios, xestos... poden axudar ou, polo contrario, poñer atrancos ao camiño que nos toca percorrer a cada un de nós.

 


 

 

 

 

Deixamos aquí o comentario de Ánxela sobre a obra. 

 

         A historia transcorre  na actualidade e é fiel a realidade.

      Trata da vida dun rapaz  que, aínda que naceu co aparato reprodutor femenino, sempre soubo que non era unha nena.

    22 segundos relata como Alex, o protagonista,vive as dificultades, a tristeza e o amor co fin de empezar a existir dunha vez por todas.
   

     Gustoume moito o libro porque  me achegou a aspectos que descoñecía  sobre  as persoas trans. Pareceume moi bonito e tenro pero sen chegar a ser empalagoso.  E aínda que lle atopei algunhas similitudes con outro libro que trataba un tema parecido, non me pareceu que caera en ningún estereotipo sobre as persoas transexuais.
    

     Recoméndollo  a quen poida atoparse nunha situación semellante á do protagonista  porque creo que lle pode axudar a ver que moitas outras persoas pasaron o mesmo ca eles. Tamén a quen queira coñecer algo máis sobre esta realidade.
 

   A historia conta o duro que  resultan para moitas persoas certas etapas da súa vida, e como o respecto e o amor da xente que nos rodea poden  facernos  a cada un de nós o camiño moito máis  fácil.

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Todo o que se publica neste blog respecta os dereitos de autor.
Se alguén considera que algunha imaxe ou calquera outro elemento publicado vulnera estes dereitos, agradeceriamos se nos comunicase para eliminalo inmediatamente. Grazas