Na segunda avaliación o grupo de 3º e 4º da ESO realizou a lectura de Maus, a novela gráfica do autor estadounidense Spiegelman.
Comezamos visionando e comentando un power point que trataba sobre o ascenso do nazismo e as súas consecuencias.
A continuación realizamos un achegamento a esta obra, que comezou publicándose por entregas na revista Raw e que máis tarde reuniron en dous tomos: “O meu pai sangra historia”, en 1986, e “E alí empezaron os meus problemas”, en 1991. Finalmente aparecen nun único volume: Maus.
No 1992, converteuse na primeira, e por agora única novela gráfica, en gañar o premio Pulitzer.
A obra parte da experiencia do propio autor que entrevistou ao seu pai, un xudeu polaco que sobreviviu ao Holocausto nazi.
A historia desenvólvese en dous espazos e tempos. En Rego Park (Nova York) Vladek Spiegelman, un xudeu polaco, cóntalle a historia das súas vivencias durante a Segunda Guerra Mundial ao seu fillo Art. Este logo relataraas utilizando técnica do flash-bak.
As distintas nacionalidades que aparecen na obra están representadas por animais: gatos os alemáns, ratos os xudeus, cochos os polacos, ras os franceses..., o que non lle resta un ápice de dramatismo á obra.
O xeito renovador de relatar a experiencia marcou un antes e un despois polo que respecta a este xénero literario.
A historia achéganos a un dos acontecementos históricos máis terribles e vergonzoso do século XX, poñendo de manifesto as grandezas e miserias dos seres humanos, e amosando como todo aquilo que nos ocorre vai conformando o noso carácter e comportamento.
Quixo a casualidade que coincidise no tempo coa lectura que realizamos na aula do relato “O retrato”, que forma parte da obra Retrincos de Castelao. O seu remate levounos inevitablemente a un dos temas comentados no Club de Lectura: a esencia das persoas é a mesma en calquera parte do mundo.
No seguinte enlace podemos ler a historia do autor galego e poñela en relación coas viñetas:
https://www.edu.xunta.gal/centros/eoipontevedra/system/files/Retrincos%20de%20Castelao_0.pdf
Parte dos rapaces e rapazas tamén leron O señor Ibrahim e as flores do Corán de Eric-Emmanuel Schmitt. A historia narra as relación dun rapaz xudeu e o tendeiro "árabe" do seu barrio.
Tamén neste libro ten u papel importante a figura do irmán ausente:
"...que xa era difícil loitar cun recordo..."
Para completar a visión desta parte da historia o alumnado de 4º leu Reencontro de Fred Uhlman, libro ambientado en Alemaña en pleno ascenso do nazismo.
En primeiro ciclo a lectura realizada foi Un sonido atronador de Ray Bradbury, un relato de ciencia ficción presentado por Ainhoha Pena, alumna de 4º da ESO e integrante do Club de Lectura dende o primeiro curso, ano no que grupo lera este mesmo texto, e que precisamente decidimos volver a ofertar pola boa acollida que tivera entre o alumnado.
Entre outros aspectos destacou que o relato causa un gran impacto no lector facendo uso dunha prosa sinxela.
Tras a lectura reflexionamos sobre se todo aquilo que é legal tamén é moralmente aceptable. Se o feito de ter posibilidades económicas nos permite realizar certas accións.
Felizmente todo o grupo compartía a opinión do “non todo vale”.
Tamén se comezou a ler a obra A lebre mecánica de Ledicia Costas, que o alumnado escolleu entre outras posibles lecturas.
O que os animou a elixir este libro foi que, unha vez lida a sinopse, quedaron coa intriga de cal sería a problemática á que deberían enfrontarse os protagonistas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario