Mostráchesme o camiño día a día,
sempre atenta con nós a túa man mestra.
Mestura de paixón e intelixencia,
sempre viñas a min, á miña mesa.
Sementaches unha fraga de esperanza
onde todo era ermo e nordesía.
*Pra nós, fuches o faro que ilumina
a singradura que estabamos iniciando.
Con man segura e autoridade serena,
fixeches que chegásemos a porto.
Por ter esa ilusión coa que vivías,
xeraches inquedanzas de futuro
e agora, neste instante,… quedo mudo.
Non podo proseguir, debo lembrarte.
Lembrar cando baixabas ata a sala
en busca dun papel, dunha notiña.
Preguntabas en silencio, coa mirada,
e a seguir, seguías coa rutina.
E agora onde estás?
Quen nos vai dicir o que debemos
facer ou non facer ? ( ti ben me entendes).
Quedamos rosalianos
“sen amparo, sen arrimo”.
Non lograrán as horas esquecerte.
Mais tamén sei que quererías
que erguésemos a vista cara ao norte
collésemos coas mans a nosa historia,
e tentando non ferir nin ser ferido,
lograr un mellor mundo e acubillo.
Porque sabemos, querida profesora,
que escapaches, mais sen saber *pra onde.
Cando pasen os anos e lembre estes momentos,
mirarei ao ceo desde O Xobre e verei
un sorriso amplo, recendendo a mar e a compromiso,
que ha de lembrarme a ti e o teu destino.
Desde estas orfas terras
só nos queda dicir:
Non te esquecemos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario