O 30 de abril un grupo de alumnado con idades comprendidas entre os
seis e quince anos e de profesores e profesoras disfrutamos dunha xornada na que as
actividades xiraron en torno á poesía.
O primeiro alto no
camiño deste percorrido foi a rúa Bispo Aguirre e a Praza Maior, e alí, ante as
esculturas dos nosos poetas, o alumnado recitou algunhas das composicións de Rosalía, Novoneyra, Pondal, Cunqueiro,
Curros, Pimentel... Tamén lle fixemos unha concesión á prosa cunha visita a Ánxel Fole e lendo un dos seus
contos.
A continuación dirixímonos a Radio Lugo, e os nervios
comezaban a roldar; iamos realizar a
gravación dos poemas de Manuel María no marco da actividade O Son da Nosa Fala,
nun estudo con mesa redonda, micros, cabina de control... Como verdadeiros profesionais os rapaces e
rapazas recitaron os seus poemas. Non sería de estrañar que algún deles acabara
no mundo das ondas, facultades non lles faltan. No peto levabamos un “pen” cos
poemas gravados polos nenos e nenas de Infantil, que tamén apunta maneiras.
E seguimos ruta ata acadar o seguinte obxectivo, a casa
natal de Manuel María en Outeiro de Rei.
As explicacións recibidas e o percorrido polas distintas dependencias con
paredes cheas dos seus versos, mergulláronnos
no mundo poético deste escritor comprometido co país, a fala, o ser humano, a
natureza, o amor...
Unha estupenda e enriquecedora
experiencia posto que nos deu a oportunidade de realizar unha actividade
conxunta ao profesorado e alumnado de distintos niveis e un achegamento á nosa poesía, tan necesario
sempre porque, como nos dicía outro
insigne poeta, Celso Emilio Ferreiro: “O
pan é máis útil que a poesía, pro ¿cómo comer o pan sen o compango da poesía?”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario