De nós depende manter a nosa lingua viva. Vale, non só de nós, tamén dunha vontade e compromiso que debe vir dunha política lingüística que conciba o coñecemento do noso idioma como unha obriga comunitaria. Pero nós, aínda que as políticas fallen, podemos facer moito na súa defensa (fixémolo durante séculos e podémolo seguir facendo).
Un exemplo nolo ofrece Sebastián García Mouret, un alumno de 2º de Bac de Lugo, que ademáis de fomentar o galego é un amante da lectura. Proba disto é que é o autor dunha canle en Youtube, El coleccionista de mundos que conta con máis de 50.000 subscritores, e no que fai recensións dos libros que le. En só ano e medio conseguíu superar o millón de visitas. Agora acaba de abrir unha nova canle en galego, O Rocho das Ideas, co ánimo de fomentar o uso do galego na rede. Sendo como é fillo de nai francesa, Sebastián demóstranos que o único impedimento para expresarse en galego é o prexuízo que aínda levamos dentro.
Dado que o día das letras galegas está próximo, paga a pena visitar o traballo feito por este alumno e reflexionar sobre o compromiso que toda a comunidade debería asumir no fomento do galego e non só en datas sinaladas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario