19.10.15

En torno ao torno

Este xoves tivemos no centro a visita da oleira Josefa Lombao Fraga para nos ofrecer un didáctico obradoiro de creación con arxila. Chegou ben cedo, descargou o material, os útiles e un torno que ía enfeitizar ao alumnado. Pepa Bonxe, como case todo o mundo a coñece, leva toda a vida convertendo este material que ela mesma extrae do concello no Outeiro de Rei en magníficos obxectos. As súas pezas posúen unha identidade ben recoñecible; unha, polo propio material da zona e a cor branca dos seus ornamentos e outra,  polo dominio da técnica deste tradicional oficio. E Isto mesmo veunos a ensinar, un dos traballos máis antigos do ser humano. Xunto a ela foron pasando os diferentes cursos de Primaria para escoitar atentamente, facer unha peza e experimentar moi entusiasmad@s o traballo co torno.




                            

Foi todo un pracer asistir á creación de pezas dun modo tan respectuoso.  “Palpábase” a paixón polo oficio e un tratamento cheo de agarimo e paciencia que require a transformación dun material tan primario nunha peza única e ademais de utilidade. Artesanía con maiúscula!
Pepa Bonxe, ademais de achegarnos ao oficio da olería deixounos outra ensinanza, seguir unha tradición familiar nunca debe ser unha obriga ou imposición pero si pode ser unha opción voluntaria.
Se queredes botar un ollo a Olería de Bonxe podedes picar aquí. Seguro que vos animades a visitala in situ.
Ah! Perdinme como fixo o burato do peto. Agradecería que alguén  o contara. Aquí mesmo, abaixo, nos comentarios!


No hay comentarios:

Publicar un comentario

Todo o que se publica neste blog respecta os dereitos de autor.
Se alguén considera que algunha imaxe ou calquera outro elemento publicado vulnera estes dereitos, agradeceriamos se nos comunicase para eliminalo inmediatamente. Grazas