9.11.17

Samaín 2017



Achegábase o Samaín e percorrendo os corredores de infantil e primaria atopamos o traballo que o alumnado fixo nas súas portas, unha decoración acorde coa temática que durante varios días iamos a celebrar.


Diriximos os nosos pasos ata a biblioteca onde antes de entrar nos sorprendeu unha terrorífica imaxe, froito da acción pictórica do alumnado de cuarto da Eso. Quedou ben plasmada a irracionalidade aplicada e o "deixarse levar". Supoñemos, causada polos  medos que asexaban. 

           

Vencidos os primeiros temores entramos na nosa particular caverna onde un tecido luminoso e pegañento nos asustaba desde o máis alto. A intuición  dicíanos que algo se cocía dentro!


E vaia se se cocía! A lume lento mesturábanse os diferentes ingredientes dunha apócema  argallada pola  xenial bruxa Cristina. Unha vez rematada ofrecéunola para afastar todos os nosos medos.




Como outros anos tivemos unha gran exposición de calacús, verdadeiramente orixinais e perfectamente traballados. Outra vez foi moi difícil elixir as que premiar e que máis tarde quedarían reflectidas nun marcapáxinas. 
Deixámosvos un vídeo da exposición acompañado dun audio; un famoso fragmento da Frauta Máxica de Mozart interpretado pola singular cantante Florence Jenkins.


Os marcapáxinas


Entrega de premios... Unha pena que non tiveramos orzamento para  premiar a todas as cabazas!




Tamén houbo un oco para proxectar algunhas curtas, tanto para infantil e  primaria como para secundaria, coas que descubrimos que experimentar pequenas doses de medo gratuíto en compañia estimula o humor e a relación social.

 

Aproveitamos esta entrada para publicitar un novo libro que entra na biblioteca; un estudo sobre a tradición de crear cabazas polo Samaín e que inclúe algunha unidade didáctica.


Seguiremos nunha segunda entrada coa exposición no corredor de secundaria na que o alumnado explicou os seus traballos de investigación. En breve!






1 comentario:

Todo o que se publica neste blog respecta os dereitos de autor.
Se alguén considera que algunha imaxe ou calquera outro elemento publicado vulnera estes dereitos, agradeceriamos se nos comunicase para eliminalo inmediatamente. Grazas