26.4.18

¿Cuánta tierra necesita un hombre? II



Cando no Club de Lectura compartimos as nosas impresións sobre o conto  a palabra que máis se repetiu foi “ambición”.  Isto levounos a reflexionar sobre se o feito de ser ambicioso ten que ser forzosamente algo negativo.
 O primeiro que fixemos foi buscar a definición: “desexo moi forte de conseguir ou obter algo”. E chegamos á conclusión  de que este sentimento pode axudarnos a progresar en distintos aspectos da nosa vida. Non hai nada malo en desexar mellorar a nosa marca deportiva, subir as nosas notas,  dominar o mellor posible temas que nos apaixonan … 
O que fai desgraciado ao protagonista da historia non é o seu lexítimo dereito de conseguir unha vida mais cómoda para el e os seus, senón que ese sentimento o domine e non lle permita gozar dos seus logros nin darse conta do moito que está perdendo polo camiño. O seu destino é a insatisfacción e, polo tanto, a infelicidade.
E como cremos que os seres humanos, cada un polo noso camiño, o que perseguimos é ser felices, decidimos que nos guiasen nesta procura pensadores e artistas de distintas épocas e lugares. Así que recompilamos citas e puxémolas en común. 

Aquí deixamos algunhas delas para que, se vos apetece, reflexionedes:

De Tolstói:

“A miña felicidade consiste en que sei apreciar o que teño e non desexo en exceso o que non teño”

            “O segredo da felicidade non é facer sempre o que se quere senón querer sempre o que se fai”

            “Os cartos, son unha nova forma de escravitude, que só se distingue polo feito de que é impersoal, de que non existe unha relación humana entre amo  e escravo”

            Tamén nos gustaron:

“Cometín o peor pecado que un pode cometer. Non fun feliz”

                                               Jorge Luis Borges (SéculoXX) Escritor arxentino.

“Ningún home é feliz a menos que crea selo”

                                               Publio Siro (Século I AC-?) Poeta dramático romano

“Quen busca a felicidade fóra de si é coma un caracol que camiña na busca da súa casa”

                        Constancio C. Vigil (Século XIX-XX) Escritor e periodista uruguaio.

E para que continuedes cun sorriso o voso feliz camiño:

“Meu fillo, a felicidade está feita de pequenas cousas: un pequeno iate, unha pequena mansión, unha pequena fortuna...”

Groucho Marx (1890-1977) Actor estadounidense.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Todo o que se publica neste blog respecta os dereitos de autor.
Se alguén considera que algunha imaxe ou calquera outro elemento publicado vulnera estes dereitos, agradeceriamos se nos comunicase para eliminalo inmediatamente. Grazas