Neste terceiro trimestre escindiuse o noso club!!! Pero
non foi por diferenzas insuperables, non; foi unha cuestión puramente de
temáticas literarias.
No
primeiro ciclo tiramos cara ao sobrenatural, e os de 1º da ESO lemos a obra Feitizo,
de Xosé Miranda. A protagonista, unha rapaza adolescente, é filla dunha
bruxa. Si, así como soa. Pero non da típica meiga que todos e todas temos en
mente, senón dunha muller nova, guapa, moderna... O conflito, e polo tanto a
historia, comeza cando a filla non está disposta seguir a tradición familiar;
non lle interesa a meiguería. E nisto as das bruxas non deben ser moi distintas
a moitas familias tradicionais, porque non acepta de bo grao a decisión da súa
filla e fai todo o posible para que volva ao “seu” rego.
En 2º da ESO o
libro escollido foi Cando petan na porta
pola noite, de Xabier P. Docampo. O título xa o di todo.
Trátase de cinco historias narradas con técnicas da oralidade e que se
desenvolven nun mundo non exento de violencia no que o sobrenatural cobra un
papel protagonista. Algunhas resultaron verdadeiramente inquietantes.
Cando nos reunimos para comentar as lecturas retrocedemos
no tempo e parecía que en lugar de nos
atopar na nosa colorida biblioteca nos encontrabamos ao redor dunha lareira
nunha noite de inverno. Cada un dos grupos
contamos as nosas historias ao
outro, ampliamos o vocabulario sobre meigas e meigallos e puxemos en común os
nosos medos.
En canto ás rapazas de 3º e 4º da ESO dedicámonos ao
teatro e á poesía: Marta ante o espello,
de Teresa Calo, e Penúltimas tendencias
de Carlos Negro foron os libros escollidos.
O primeiro é unha obra teatral na que a autora aborda
unha temática difícil: a anorexia e a bulimia. Nun monólogo, que ás veces se
converte nun falso diálogo, a protagonista
comparte con nós unha etapa da súa vida.
Tras a lectura entendemos algo mellor as causas que levan
a certas persoas a padecer unha enfermidade sobre a que moitas veces damos opinións e xulgamos con
demasiada lixeireza.
Cremos que un dos
acertos da obra é que somos plenamente conscientes do sufrimento da protagonista sen
que autora nos conduza polo camiño do dramatismo, e mesmo permitindo que
nalgúns momentos da lectura esbocemos un sorriso, iso si, cun pouso acedo.
Moito nos deu que pensar e falar.
Penúltimas
tendencias
achéganos ao universo feminino da adolescencia, da mocidade. E como a visión se
nos proporciona desde distintas perspectivas é imposible non verse reflectida
nalgunha delas. E isto sempre é bo un aliciente para a lectura.
Sen lugar a dúbida tras ler e comentar a obra saímos máis
reforzadas na idea de potenciar a individualidade fronte a esa uniformidade á
que case todo o que nos rodea nos aboca. Tamén nos axudou a sentirnos mellor
dentro da nosa propia pel.
Lectura, pois, moi recomendable.
Tras a posta en común
dos poemas cada unha eliximos o que máis nos gustou. 3MSC,
MOMENTO FAMA, FASE AKANE
(Sublevación), VERDADE, BICO OU ATREVEMENTO,
CASUAL LOOK foron os elixidos.
A continuación cada rapaza escolleu os dous versos que
máis lle gustaran, impactaran... da composición elixida e, sentíndonos un pouco
dadaístas, recortamos cada un destes versos, mesturámolos e collemos ao chou
cada un deles. Finalmente escribímolos na orde de escolla e o resultado foi
este:
Intentou tocarme,
para que saibas que fráxil cada paso que damos.
Ortigaba cos dedos,
para que entendas que o lume é xeo por dentro.
E o corazón...,
para darlle de hostias
á ignorancia.
Dúas voces que rara vez coinciden
con furados de rabia.
Lista
eu, co cerebro xusto no seu sitio,
ti, coas hormonas a cen por hora.
Mais permiten que os labios se contaxien.
Este curso tiñamos proxectado rematar as actividades do
Club de Lectura cunha ruta que nos
levase a coñecer mellor o rico patrimonio artístico de Mondoñedo. Este lugar ademais
da súas lendas, historia, arquitectura..., foi e é berce e/ou lugar vital de
moitos escritores e escritoras.
Xa tiñamos todo preparado pero..., unha chuvia abundante
e persistente fixo que tiveramos que aprazar a actividade.
Así que decidimos adozar
un pouco a situación tomando unhas lambetadas na biblioteca.
Despedímonos ata o próximo curso.
Feliz verán.
No hay comentarios:
Publicar un comentario