9.5.22

Club de lectura

 

Na segunda avaliación primeiro ciclo leu  Eu son a

 

             Comezamos a presentación da obra coa visualización da portada  co fin de que comentasen cal pensaban que sería a temática.

            Cando chegaron á conclusión de que se trataba dun campo de refuxiados cun neno como protagonista vimos un vídeo  no que  unha  xornalista española de orixe alxerina conta a súa experiencia como nena que viviu nun   destes campamentos, concretamente no de Tinduf, en Alxeria.

 

Entrevista a Ebbaba Hameida

 

 

            Deste xeito achéganse a esa forma de vida, desde o testemuño  de alguén que o viviu e o conta, para poder así ser máis conscientes  no momento da lectura.

Buscamos tamén en Google Maps onde se atopa este e outros campos, incluso os de España. 


 

 

No segundo ciclo foi Iridium  a lectura elixida.

            A protagonista deste libro conta con algunhas características físicas que a diferencian das persoas que a rodean: unha  proporciónalle unha “vantaxe” e outras dificultan a súa vida. A primeira é xenética e a segunda froito do azar.

            Trátase dunha historia de superación, cos seus momentos de fastío, cansazo, rabia... Pero a maior parte das veces estes episodios son contados pola protagonista cunha ironía que, sen ocultar a súa dolorosa situación, nos amosa que non se rende e poderá chegar a acadar unha vida plena.

             Igual que na anterior lectura  constatamos que  a visión que os demais teñen  de nós non pode ser o que marque o noso rumbo. Tamén  que o amor e actitude das persoas que nos rodean e a quen rodeamos son fundamentais para todos e todas.

            A comezos deste curso contamos no noso colexio cun membro da asociación  Aesleme   que acudiu para dar unha charla na ESO dentro da campaña “Te puede pasar”, na que abordou o tema da lesión medular adquirida desde distintas perspectivas. Ter participado nesta actividade axudou a que o alumnado comprendese mellor a situación á que se enfronta a protagonista.

 Charla asociación Aesleme Galicia


 

 A continuación podedes ler  a valoración que realizou Lucía Roca.

 

            Iridium é un libro moi actual, o que podemos apreciar, por exemplo, nas referencias que realiza ás redes sociais.

            A historia relata a vida dunha adolescente chamada Iris, moi coñecida sobre todo por ser unha das raíñas do Instagram e considerada unha persoa diferente debido aos seus ollos peculiares; un azul e outro verde.

            O libro cóntanos o sucedido no atropelo que sufriu a protagonista e a súa vida despois de espertar daquel coma que durara seis meses. Tamén trata da súa historia de amor e do que aconteceu co seu antigo mozo.

            A recuperación da rapaza foi complicada, pero a pesar diso conseguiu repoñerse moito e quería que a tratasen  con normalidade e non como unha enferma. A súa vida cambiou ao completo tras aquel accidente, polo que tanto ela como as persoas do seu arredor  o tiveron que aceptar e adaptarse ao sucedido.

             Este libro encantoume, é desas historias que se len sen parar  debido á intriga que xeran. Recoméndoo ao cen por cen , sobre todo a aquelas persoas que estean na época da adolescencia, xa que é unha idade na que empezamos a darnos conta do que é a vida e do que nos espera ao longo dela. De que  as cousas poden cambiar nun segundo e deberemos  comezar de novo todo aquilo que se tiña pensado facer no futuro.

 

Para rematar aínda con mellor sabor de boca deixamos o seguinte texto extraído da obra e  suxerido por Ainhoa Busto:

 

E cando menos o esperas

                                                      a lúa xira ao teu redor

                                                                e  tin nin sabías

         que había un satélite de cores agardando por ti.

                                                     The Symphonic Eyes: “Moon and Sun”

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Todo o que se publica neste blog respecta os dereitos de autor.
Se alguén considera que algunha imaxe ou calquera outro elemento publicado vulnera estes dereitos, agradeceriamos se nos comunicase para eliminalo inmediatamente. Grazas