27.6.23

CLUB DE LECTURA. FOLERPAS NO VERÁN

 CLUB DE LECTURA

E continuamos coas actividades realizadas na 3ª avaliación. 

Afondando na nosa intención de que o protagonismo  do alumnado  sexa cada vez maior pedímoslle a 2º ciclo que realizasen a lectura dalgunhas obras e nos desen a súa opinión  sobre se as debemos incluír na programación do curso vindeiro.

Deixámosvos aquí  algunhas das súas súas reflexións.




O NENO CAN

Trátase dunha obra de Francisco Castro e Fina Casalderrey publicada en 2013.

Este libro consta de cinco marabillosos  relatos nos cales o protagonista sempre é un neno ou nena    que se atopa acompañado dun can. Son rapaces coma os demais, pero que non gozan dos  dereitos que lles corresponden.


O libro encantoume, pareceume incrible, porque reflicte e transmite moi ben as sensacións polas que pasa o protagonista e, sobre todo, os seus sentimentos. Destaco as sensacións que nos envolven cando o estamos lendo. Son  historias que causan tristeza, pena, emoción, ilusión...,  pero sobre todo, que transmiten a esperanza de que iso que se quere chegar a conseguir si se pode acadar.


Na miña opinión, este libro representa moitos dos problemas cotiás aos que non se lles dá a importancia suficiente e que sofren moitas persoas, en especial  os nenos e nenas.


Recoméndollo a todas aquelas persoas que lles guste  mergullarse nunha  obra e que desfruten lendo  historias conmovedoras.

                                                                                            Lucía Roca (4º da ESO)

 

O neno can é unha obra de Francisco Castro e Fina Casalderrey publicada en 2013.

Trata dunha serie de relatos, cada un deles conta a historia dun neno ou nena que está a pasar por un momento moi difícil. En todas elas aparece un can branco con unha mancha marrón ao redor do ollo que trata de axudar   ao protagonista e acompáñao durante toda a historia

O libro pareceume moi bonito. Gustoume moito que as historias estean escritas dende o punto de vista dun rapaz, o cal a pesar da situación tan horrible que está a vivir descríbeo dunha forma inocente e mesmo alegre nalgunhas partes, o que fai máis fermosos os relatos.

Tamén me gustaría destacar os versos  que hai ao final de cada historia  porque me parecen que lle  engaden encanto ao relato.  Ademais algún que outro fíxome reflexionar sobre o que os autores querían transmitir.

Recoméndolle este libro as persoas que lle gusten os relatos curtos e algo tristes pero bonitos.

                            Ánxela Maneiro (4º ESO)

 


  DUNE 2

Paulo Maneiro (3º ESO) comenta:

É unha gran obra de ciencia ficción que creo que  pode  gustar ás persoas   maiores de  12 anos. Máis novos non, debido ao uso de palabras complexas. Complexo é tamén  o mundo no que se desenvolve a historia, os seus costumes e os nomes peculiares en exceso e difíciles de recordar. 

O libro de Frank Hebert, Brian Hebert, Kevin J. Anderson, Raúl Allén e Patricias Martín é perfecto para adultos e adolescentes fans do espazo e a ciencia ficción

 


Outro dos libros que leu algún dos alumnos foi As pombas do Carboeiro de Inacio  e Iván Suárez.


FOLERPAS EN VERÁN

Si, comezando o verán quédannos algunhas cousiñas que non recollemos no seu momento. 

O alumnado do Club de Lectura colaborou en multitude de actividades relacionadas con conmemoracións ou actividades programadas polo centro, outros departamentos e asociacións da vila. 

Imos mencionar algunhas delas. 

A primeira ten moito que ver coas folerpas xa que foi realizada xusto antes das vacacións de Nadal. As alumnas de 4º escribíronlle cartas a exalumnas que no seu momento formaron parte do Club de Lectura e ás que, por unha serie de circunstancias, non se lles puido obsequiar co agasallo que se lles dá  a aquel alumnado que remata a súa etapa escolar no noso centro e que compartiu esta actividade con nós.



Tamén nos gustaría facer referencia ao recitado e dramatización dun poema de Emma Pedreira en colaboración co  Equipo de Dinamización Lingüística co gallo do  Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller o 25 de novembro.

En colaboración co Departamento de Francés achegámonos ao mundo da francofonía e lusofonía. O noso fin era reflexionar sobre o enriquecedor que é coñecer diversos idiomas e culturas. E tamén sobre o feito de que a nosa lingua nos permite comunicarnos con millóns de persoas por todo o mundo.

Manuela Gil Wrublesky realizou o recitado de tres  poemas  do escritor brasileiro Mario Quintana. Como asesora lingüística contou coa súa nai. Un agradecemento especial para ela.

Alumnas de 2º da Eso colaboraron na elaboración dunha composición poética sobra a vida de Rosalía de Castro e no recitado da mesma.

E tamén en verso lle contestamos á epístola poética que Marica Campo lle remitía a Carapuchiña Vermella.

Estas actividades e outras foron presentadas nun acto que tivo lugar en colaboración coa asociación Carballo Vivo.

Podemos velas no seguinte enlace: 

Actividade "Encontándonos"


 Feliz verán!




 


No hay comentarios:

Publicar un comentario

Todo o que se publica neste blog respecta os dereitos de autor.
Se alguén considera que algunha imaxe ou calquera outro elemento publicado vulnera estes dereitos, agradeceriamos se nos comunicase para eliminalo inmediatamente. Grazas