10.9.10

Empezamos

Iniciamos un novo curso, de momento en Primaria e Infantil, coa mesma ilusión e ganas de traballar coas que rematamos o pasado ano. 
En primeiro lugar, saudar a todos os membros novos da comunidade educativa, tanto pais, como alumnos de Infantil e por suposto ás novas incorporacións dentro do profesorado.
Contabamos con novos equipos informáticos para empeza a funcionar como C.E.D. ( Centro Educativo Dixital ), pero de momento teremos que armarnos de paciencia e esperar a que se resolvan os atrancos que impediron que o Proxecto Abalar fose posto en marcha segundo o previsto.
No contorno, observamos con mágoa a desaparición do parterre cos camelios que ornaban a saída do colexio. Se o ano pasado perdemos as coníferas do patio, este ano tocoulles a estoutras árbores. Semella que a doutrina de "menos cemento e máis talento" non é asumida por estes lares. En fin...
Coas baterías recargadas, cun máis que merecido descanso, os rapaces e rapazas do centro inician unha nova andaina para tratar de acadar máis coñecementos e competencias, e,  o que é máis importante, prepararse para ser un cidadá libre, crítico e responsable.Esa é a nosa aposta, e desde o blog da biblioteca esperamos pór o noso gran para acadar eses obxectivos.
Por outra parte tamén seguiremos co Plano Lector que iniciamos o pasado curso,o  que nos vai permitir  --entre outras cousas-- gozar da lectura dentro do horario escolar, co aire lúdico que pode ter dita actividade.
Empezamos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Todo o que se publica neste blog respecta os dereitos de autor.
Se alguén considera que algunha imaxe ou calquera outro elemento publicado vulnera estes dereitos, agradeceriamos se nos comunicase para eliminalo inmediatamente. Grazas