27.4.18

Obradoiro de escrita

O 18 deste mes de abril vistounos Andrea Barreira Freije para impartir un obradoiro de escrita partindo de lendas locais. O alumnado recolleu estas historias no seu entorno e puxéronse varias delas en común. A continuación, e seguindo as pautas da relatora, reelaboráronas adaptándoas ao contexto e tempo actuais.



Dous exemplos de secundaria: o recollido e a nova versión.
Aquí o primeiro...




Un día decidín ir dar unha volta por un bosque que hai pola parte de enriba da casa dos meus avós. De repente apareceu ante min unha lagoa que nunca vira e sen darme conta caín nela. Houbo un momento en que non vía máis que negro. Estaría morta?
Finalmente conseguín saír e, aliviada, decateime de que vía todo o que había ao meu arredor. Pero cando a miña imaxe se reflectiu na auga un profundo calafrío percorreu todo meu corpo; non tiña cabeza!!!
Eu non sabía o que estaba pasando. Vía todo pero non tiña ollos. Botei a camiñar polo bosque e pareceume ver a unha nena. Funme achegando a ela e deime conta de que era a miña irmá. Pero cando ela me viu escapou aterrorizada. Eu seguina para intentar falar con ela, pero non puiden.
Así que espantar nenos ía ser o meu destino.
Deste xeito pasaron tres días, ata que xa máis calmada, tiven unha idea: ía buscar a miña cabeza.
Volvín á lagoa e mergulleime nela. Despois dun anaco vina, pero non a daba subido, afundíase cara á escuridade. Facendo un esforzo inmenso conseguín collela. Subín ao carro que eses días me servira de medio de transporte nas miñas correrías de ser sen cabeza e marchei á casa dos meus avós que viviran a miña desaparición con tremenda preocupación.

 Desde entón unha pregunta anda a roldarme continuamente: Que é o que sucede realmente nese lugar?
... e o segundo.





Cando eu era pequena tiña verdadeiros desexos de ir a Orlando, e tiven a sorte de que, polo meu aniversario, os meus avós me regalasen cartos para axudar a costear a viaxe.
Como aínda así non conseguira reunir o suficiente diñeiro, decidín enterrar o que tiña aforrado no xardín da miña casa.
Pasaron os anos. Eu xa me mudara coa miña familia a outra vivenda e tardamos en regresar ao noso primeiro fogar. Cando nos decidimos a volver alí de visita atopei que o noso xardín se convertera nun enorme bosque con multitude de árbores. O meu abraio foi enorme cando me dei conta de que os seus froitos eran..., billetes!!!.
Por suposto marchei a Orlando xunto coa miña familia. E aínda nos quedaron cartos para seguir percorrendo mundo.

Un exemplo da lenda recollida en primaria.








A nova versión realizada en grupo polo alumnado de primaria.





Antes de despedirnos dela dedicounos o seu libro.


Aproveitamos esta entrada para amosar algúns dos títulos que temos na nosa biblioteca sobre esta temática.



















No hay comentarios:

Publicar un comentario

Todo o que se publica neste blog respecta os dereitos de autor.
Se alguén considera que algunha imaxe ou calquera outro elemento publicado vulnera estes dereitos, agradeceriamos se nos comunicase para eliminalo inmediatamente. Grazas