27.6.23

CLUB DE LECTURA. UNHA COUSA LEVOU Á OUTRA


Este último trimestre foi  un non parar. 

Todo comezou co achegamento á obra  elixida para o alumnado de segundo ciclo: Instrucións para tomar café de Núñez Singala.  Tamén  a leu  o Club de Lectura de Castroverde, co que tiñamos programado un encontro co fin de propiciar novas experiencias e ampliar o universo dos nosos lectores.

Unha vez máis temos que agradecerlle  ao autor  o xogo que nos dan os seus libros. Porque o paso seguinte foi: E se realizaramos unha selección de relatos para  o alumnado de primeiro ciclo e así poder poñer en común todas e todos os integrantes   dos nosos clubs unha obra? 

E xa postos: Non sería unha boa idea que tamén a lesen no Club de Lecturas de Adultos? Seguro que lles gusta.

Logo: Dramatizar algún dos relatos estaría ben...

Así que, lemos a obra e decidimos que iamos levar a escena “O cocido” e “Médicos e avogado”. Os criterios de elección foron dous: que puidese participar todo o alumnado e que os elixiran eles e elas.

Desexamos agradecer aos rapaces e rapazas que se prestasen a ensaiar nos momentos de lecer.

 O día 18 de maio recibimos a visita do alumnado de Castroverde. 

Na nosa biblioteca  intercambiamos as impresións sobre a lectura. Ademais eles recitáronnos a lenda da Cova da Serpe e as nosas alumnas explicaron outra das versións que existe sobre a mesma.

 


Tras dar boa conta dos agasallos culinarios cos que nos obsequiaron puxémonos en camiño cara á  fortaleza de San paio de Narla, onde realizamos unha moi amena e instrutiva visita guiada. 

 


Cando nos despedimos obsequiamos aos nosos visitantes cun marcapáxinas que realizou Ánxela Maneiro inspirándose nunha das lecturas do segundo trimestre: Maus.

 


O día 24 de maio fomos nós os que realizamos a visita a Castroverde.

Comezamos  cun agradable paseo desfrutando da paisaxe da zona  ata chegar á fermosa igrexa de Santa María de Vilabade que, merecidamente,  é coñecida como a “catedral de Castroverde”.

 De regreso ao centro e tras un pequeno descanso para recuperar folgos dirixímonos á biblioteca  e representáronse as obras.  Por parte do alumnado de Castroverde  os relatos elixido foron “A excursión” e “ Exceso de celo”.





Continuamos a nosa xornada realizando unha visita á torre da Homenaxe da vila e coñecemos a historia do antigo castelo.

 

Rematamos a xornada xantando na área recreativa Veiga do Olmo.

Era a hora do regreso e despedímonos do alumnado e profesoras co desexo de repetir estes encontros en canto sexa posible. 

Agradecemos a súa hospitalidade; desfrutamos moito da súa compañía.

 


A última actividade  en relación con esta lectura foi a posta en común da mesma co Club de Lectura de Adultos.

O noso alumnado  realizou unha nova representación das obras. 

E xa que como personaxes de “O cocido” non  nos tocou comer moito, démoslle unha boa xeira ás lambetadas coas que nos obsequiaron os integrantes do Club de Lectura de Adultos.

 



 

Unha vez máis recoñecémoslle ao alumnado a súa boa predisposición, pois contamos con el un venres  pola tarde  para que fose posible que se levase a cabo esta xuntanza.

Graciñas.

O alumnado de 1º ciclo decidiu a lectura votando entre varias obras ficción e escolleron unanimemente o libro de Ledicia Costas, porque o argumento resultoulles moi inquietante ao non explicar que problema aborda a unha parella de adolescentes.

As cousas entre Nana e Corvo ultimamente non van nada ben. Conseguiran construír un mundo onde compartían todo: películas, música, manga, videoxogos... Non querían separarse nunca. Mais agora Corvo desaparece durante horas e non conta onde vai. Cando Nana lle pregunta que lle pasa, enfádase. No seu grupo de amigos ninguén comprende que lle sucede…

Foi un éxito esta lectura, gustoulles pola forma de empregar a linguaxe, clara, directa e próxima ao alumnado. Tamén a problemática, xa que o libro afonda no mundo das apostas, algo que, aínda que son rapaces do 1º ciclo, xa os rodea, saben o que está a ocorrer e incluso coñecen casos directos de xente nova que xoga. A adicción ao xogo é un problema crecente que envolve aos máis vulnerables e dende logo esta temática ofrece moito debate. Encantoulles a narración en primeira persoa co punto de vista del e o dela, así como o final. Pareceulles moi acertado.

 

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Todo o que se publica neste blog respecta os dereitos de autor.
Se alguén considera que algunha imaxe ou calquera outro elemento publicado vulnera estes dereitos, agradeceriamos se nos comunicase para eliminalo inmediatamente. Grazas