26.6.24

CLUB DE LECTURA: COUSAS DE AQUÍ E ACOLÁ


  Xa estamos a finais de xuño e toca despedirnos. Pero non queremos irnos sen comentar

unhas últimas cuestións.


Dende hai uns cursos un dos nosos fins é que os integrantes do club de lectura interactúen co

resto da comunidade educativa e con outros centros escolares. Tamén, na medida do

posible, coa súa contorna.

O que non chegamos a imaxinar era que a adaptación teatral que realizamos o curso pasado

do relato “O cocido”, da obra Instrucións para tomar café de Núñez Singala, acabase sendo

representada fóra do noso concello.

Deuse o caso de que, por proximidade familiar, unha traballadora social levou a peza ao seu

centro de maiores en Pedrafita. Alí foi moi ben acollida e decidiron ensaiala para representala

na festa do terceiro aniversario do CAM, centro de atención a maiores, Manuel Villasol.

Desexamos que a desfrutaran.



Tamén queremos facer mención a que, como no curso pasado, propúxose un libro tanto para


o club de lectura do alumnado como para o de adultos. A obra en cuestión foi Diario


completamente verídico de un indio a tiempo parcial de Sherman Alexie.



A valoración que realizaron os adultos foi moi positiva.



Resultou de grande interese contrastar as sensacións e sentimentos que predominaron en


cada un dos  grupos tras a lectura. A visión adulta centrouse máis na crueza presente durante


toda a historia, por moito que o narrador relate nun ton neutro e sereno.


E non queremos despedirnos sen recomendar a lectura dalgún libro que acompañe este período estival.

O noso alumnado opina.

Paulo:
O señor dos aneis de Tolkien .

Esta obra é ideal para os fans da aventura e a ciencia ficción, aínda que lla recomendo a calquera fanático da lectura. O señor dos aneis é sen dúbida unha lectura obrigatoria. Na miña opinión un libro de 10 e a maior obra literaria que existe”.


Mara:

Corredores de sombra de Agustín Fernández Paz.

A historia conta o que sucedeu no verán de 1995 no pazo de Soutelo onde, durante unha obra, se descobre un esqueleto agochado dentro dunha parede. O cadáver tiña un buraco na cabeza feito por unha bala e levaba alí máis de cincuenta anos. Carla Soutelo foi testemuña desta descuberta e comezou a interesarse polo caso.

Recomendo este libro a todo aquel que lle guste unha narrativa de misterio, con alusións históricas e de amor”.


Marcos Varela:

Pel de lobo de Xosé Miranda.

Trata sobre Xosé e o seu pai, aos que foron buscar para acabar cuns lobos na zona do Incio. Os animais eran particulares tanto no aspecto como no comportamento.

Gustoume este libro porque é moi entretido. A historia sempre te leva a querer saber como segue e como acaba.

É un dos mellores que lin”.


Mateo Sánchez:

Astérix e Obélix e a volta á Galia de René Gosciny ou Albert Uderzo.


Este libro trata sobre un pequeno pobo no norte de Francia, na antiga Galia, que resiste á opresión do Imperio Romano de Xulio César.

Os romanos planean cercar a vila para incomunicar o asentamento co resto do mundo e así conseguir ocupar a localización. Astérix e Obélix retan ao comandante do sitio dicindo que van saír do pobo e mesmo dar unha volta á Galia e, para demostralo, traer a especialidade gastronómica de cada lugar que visiten”

Recomendo este libro para todas as idades xa que é fácil de entender e entretido”.


Susana López:

Apocalipse Z de Manel Loureiro

"Este libro gustoume moito, tanto pola forma na que está escrito como polo misterio que contén. Nunca sabes o que vai a acontecer.

Conta a historia que lle sucede a un avogado e o seu gato durante unha epidemia zombi en Galicia.

Recoméndollo a todas as persoas as que lles gusten os libros de misterio, aventuras e de mortos viventes.

Non o considero axeitado para aqueles ós que non lle gusten os momentos intensos e extremos, xa que o libro contén bastantes momentos realmente de moito estrés e de adrenalina”.



No hay comentarios:

Publicar un comentario

Todo o que se publica neste blog respecta os dereitos de autor.
Se alguén considera que algunha imaxe ou calquera outro elemento publicado vulnera estes dereitos, agradeceriamos se nos comunicase para eliminalo inmediatamente. Grazas