19.12.15

A "LUZ" , unha actriz espectacular.

O pasado mércores ocorreu algo inédito no centro, un raio de luz colouse na nosa biblioteca e axiña comezou a manifestarse de moi diferentes formas. 


Como se fora unha actriz que se preparara  todos os papeis dunha obra teatral adoptou personaxes diferentes e mudou o vestiario acorde á reacción co decorado. 
Ao principio entrou en escena reflexándose nunha pirámide transparente para nos ofrecer un atractivo holograma.  Os asistentes estaban entusiasmados, a cousa pintaba ben e a función prometía sorpresas.


Sempre que hai unha obra aparecen @s crítico@s para falar dela, unhas veces ben e outras non tanto. QUE MEDO!  


 Por sorte e tamén preparación, @s crític@s actuaron positivamente e falaron "moi ben" da que consideramos unha "revelación". Explicaron perfectamente o seu comportamento variable; un tanto “particular” ... sempre na súa “onda”


Para unha análise  precisa e co ánimo de captar calquera movemento  imperceptible da nosa “estrela”  @s crític@s utilizaron as tecnoloxías que tiñan ao seu alcance. Optaron por rexistralo cunha cámara e proxectalo simultaneamente para non perder detalle.  


Foi desta maneira como nos ensinaron a traxectoria que toma un raio láser cando entra nun chorro de auga : unha danza  zigzageante no interior das paredes do tubo. A actriz, co seu xeométrico baile, tocounos a “fibra óptica”


                                     

De súpeto e para o noso asombro, un crítico fixo o que nunca debería facer: un espoiler! Adiantounos cómo a actriz ía actuar. Dixo con voz  clara: Agora tomará o papel da refracción


Aínda que houbo un momento de incerteza, pronto esquecemos o desliz e prestamos atención ao novo xiro que tomaba o acontecemento.


E que maneira de actuar! Por momentos cremos que a actriz perdera a razón e volvérase tola. Así como entraba en diferentes corpos tomaba distintas velocidades  provocando verdadeiros efectos ópticos. O atrezo non podía resistir á súa maxia.

Pasou de rachar un pau 


para despois facer desaparecer un vaso de cristal dentro doutro 


e por último deformar o “telón”



Tanta intensidade tiña que ser esgotadora, non podía continuar a ese ritmo. Estabamos seguros de que tarde ou cedo ía desfalecer. Foi entonces cando a nosa interprete dirixiuse ata un CD. O público pensou que a función incluiría un apartado musical pero non era esta a súa intención. Achegouse con calma, en silencio, de fronte, reflexionando a cerca de cómo podería salvar o obstáculo que non lle permitía seguir. 


Decidiu deixar de concentrarse en si mesma  e  buscar novos horizontes ao redor. Este cambio de actitude fixo posible unha estampa cromática  incrible; diversa e alucinante que a crítica titulou como difracción.


A actriz  tíñao claro, xa non podía dar volta atrás e desaparecer, subiu a escena para deixar a pel e agora era o momento de ensinar todo o seu interior. .


O monólogo non se fixo esperar. Non valía un Ser ou non ser de Hamlet, non podía crear dúbidas; un Eu son así  de Newton era máis acertado. E comezou a darlle voltas as cousas, de súpeto parar e mostrar todos os matices que a conformaban: vermello, laranxa, amarelo, verde, azul, azul escuro (índigo) e o violeta. 



A función rematou e ocorreu o de sempre: aplausos, gritos, ovacións e carreiras para sacar os primeiros e escasos selfies. Foron @s crític@s os primeiros en chegar cos seus móbiles.   Tamén nos selfies tivo que facer das súas. Virou para unha luz ultravioleta facendo destacar as cores fluorescentes.



Antes de marchar pedímoslle o seu autógrafo e, alí mesmo, no medio da biblioteca debuxouno. Eu sempre firmo cun light painting ! dixo.
Pareceunos máis un garabato ca unha rúbrica, pero xa sabedes: cousas de divas!



1 comentario:

  1. Qué actriz más polivalente!! Enhorabuena, excelente trabajo! ;)

    ResponderEliminar

Todo o que se publica neste blog respecta os dereitos de autor.
Se alguén considera que algunha imaxe ou calquera outro elemento publicado vulnera estes dereitos, agradeceriamos se nos comunicase para eliminalo inmediatamente. Grazas