O pasado 20 de marzo os 28 compoñentes do Club de Lectura desfrutamos dunha xornada de cine indo a ver a película Dune parte 2, filme que tiñamos en mente dende que viramos a primeira entrega.
Logo de ler as dúas novelas gráficas baseadas na novela de ciencia ficción, fomos ao cine Cristal no centro de Lugo a gozar da nova entrega, e despois a comer e pasear polo centro da cidade, mesturándonos coa rapazada que saía das clases ao mediodía.
Velaquí a sinopse e valoración
por parte de Hugo, Jenni, Noa e Sara de 1º da ESO:
“Trátase dunha película de acción, amor e intriga, que nos conta a guerra nun planeta deserto entre dúas familias por acadar a conquista do poder. O protagonista está escondido cos fremen, habitantes do planeta, e a casa inimiga pensa que está morto. El dedica o tempo a adestrar e defender ao pobo que o acolleu e sofre as tiranías da familia que goberna o planeta. Namórase dunha guerreira e, sen querelo, convértese pouco a pouco nun líder para o pobo.
Gustounos bastante porque foi moi interesante. Non nos importou que fora longa e encantáronnos as escenas de acción.
Do mellor da película destacariamos a historia de amor. Gustounos ver o proceso de namoramento dos protagonistas.
O final non nos convenceu, aínda que si estivo ben a intriga que deixa. Cremos que é moi probable que haxa unha terceira parte.
Recomendamos esta película a aquelas persoas que lles guste a acción e os filmes de guerra que mesturan a intriga e o amor.”
No hay comentarios:
Publicar un comentario