1.6.25

VISITA DO CLUB DE LECTURA DE CASTROVERDE: HISTORIA, LENDAS E MITOS

Un curso máis continuamos co intercambio de visitas que vimos realizando dende hai uns cursos co alumnado de Castroverde.  Nesta ocasión foron os integrantes do noso Club de Lectura os que exerceron de anfitrións. 

As actividades que se levaron a cabo xiraron en torno á peza teatral Un corvo en Caldaloba da autora vilalbesa María Xosé Lamas. Nela a autora achéganos á figura de Dona Constanza de Castro, filla do Mariscal Pardo de Cela. Concretamente aos últimos días do asedio á fortaleza de Caldaloba ao remate do século XV. 

Comezamos cunha xuntanza na biblioteca do noso centro, onde o alumnado de  segundo ciclo nos achegou á figura do Mariscal Pardo de Cela e contextualizou a obra que viñamos de ler. 

Pola súa parte os rapaces e rapazas de primeiro ciclo  aportaron información sobre a torre de Caldaloba e a figura de Dona Constanza de Castro.

Agradecemos ao alumnado de 2º da ESO e ao Departamento de Xeografía e Historia que compartisen con nós  a información que recolleron sobre este tema. 




            
  

 
 
A continuación dirixímonos á torre fortaleza de San paio de Narla. Alí percorremos as distintas estancias acompañados dunha guía que nos foi explicando o máis relevante de cada unha delas.
 
 


 
 

Despois desta visita tomamos rumbo cara a Cova da Serpe, outro dos lugares emblemáticos do noso concello, onde o alumnado de Castroverde compartiu con nós unha das das lendas asociadas a este lugar.  


 
 
 
 
Tras o xantar e un tempo de lecer nesta fermosa paraxe despedímonos co compromiso e desexo de volver compartir unha nova xornada no próximo curso.
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Todo o que se publica neste blog respecta os dereitos de autor.
Se alguén considera que algunha imaxe ou calquera outro elemento publicado vulnera estes dereitos, agradeceriamos se nos comunicase para eliminalo inmediatamente. Grazas