27.4.26

CLUB DE LECTURA: CONCIENCIACIÓN SOCIAL, SUSPENSE E HUMOR DO ABSURDO


Nestes dous últimos meses os nosos clubs de lectura reuníronse en diversas ocasións. 

En segundo ciclo, nas xuntanzas realizamos un seguimento de lecturas e  puxemos en común as impresións que nos causou a historia narrada no libro de Eloy Moreno, Invisible. En xeral gustou  e ademais  deu moito de que falar; o tema non é para menos.

A historia levounos a reflexionar sobre a actitude que adoptamos cando  se dan  casos de acoso e somos coñecedores  deste feito. E se ben somos conscientes de que, por diversas razóns, ás veces  non nos implicamos o que sería necesario,  tamén  temos a certeza que estas situacións son intolerables. 

Intentamos poñernos na pel dos personaxes e así  comprender as actuacións de cada un deles. Todos e todas nos vimos reflectidos  no comportamento dalgún dos ou presenciamos  situacións semellantes ás  descritas nesta historia.  

Tamén debatemos se o agresor é á súa vez unha vítima das súas propias circunstancias vitais.

As persoas que recomendaran esta obra leron a que en certa maneira  é continuación de Invisible: Redes, da que xa se realizara unha pequena presentación  nunha das anteriores reunións.

Tamén se decidiu a lectura deste trimestre. Neste caso trátase dun libro que xa hai tempo se lera no noso club e ao que se aludira nalgunha xuntanza do presente curso. Unha alumna leuno e foi ela a que o propuxo. Así, tras dúas historias intensas en canto á temática, estamos a ler  a obra de suspense Un de nós mente de Karen M. McManus.

Na seguinte presentación, realizada por Susana Seijas, achegámonos á autora, á lectura seleccionada e a outras das súas obras. Ademais proporciónanos as razóns polas que deberiamos ler a obra.


 

En vista do éxito que estaba tendo a lectura da obra ofertouse a seguinte entrega: Alguien es el siguiente, que volve a retomar o tema daqueles aspectos da nosa vida que desexamos preservar. Pero isto ten un prezo. Hai que elixir: verdade ou atrevemento?

 


Como adoitamos facer propuxemos a lectura doutras obras que nos parece poden ser do interese do alumnado. Neste caso  botamos man do xénero teatral e lírico.

Cuatro corazones con freno y marcha atrás de Jardiel Poncela.

Makinaria e Penúltimas tendencias de Carlos Negro.






En primeiro ciclo, despois da lectura de Proxecto bolboreta, un libro que principalmente

aborda o tema de como os pequenos xestos, aqueles que facemos para axudar sen esperar

nada, poden transformar e ter efectos positivos na vida das persoas, pasamos a outro que 

tamén indaga nos cambios.

 

Cambios  de estado, de mundo, de emoción e situación… Trátase, nesta ocasión,  dunha obra

de teatro, Wombo Combo, de Paula Carballeira. Asistimos á historia de Sara, unha rapaza que

busca refuxio no mundo virtual porque está illada na vida real. O seu avatar é moi exitoso

mentres a súa persoa sofre a indiferenza de quen a rodea. 

 

Pero realmente hai indiferenza? Poderemos ver dende fóra algo que a Sara se lle escapa?


Estas cuestións e outras que tratan sobre as emocións que nos embargan cando somos

adolescentes son as que debatemos previamente á lectura.

Veremos que conclusións sacamos despois de ler a obra. 




No hay comentarios:

Publicar un comentario

Todo o que se publica neste blog respecta os dereitos de autor.
Se alguén considera que algunha imaxe ou calquera outro elemento publicado vulnera estes dereitos, agradeceriamos se nos comunicase para eliminalo inmediatamente. Grazas