No noso club sempre hai algunhas lecturas que deixan un pouso especial en nós e que desexamos compartir. Unha delas é Invisible, de Eloy Moreno, xa comentada na entrada anterior deste blog
Así que, en segundo ciclo, para animar ao alumnado a achegarse a ese libro, ocorréusenos elaborar unha postal que contase cun deseño alusivo á historia e unha reflexión extraída da mesma.
A autora das ilustracións e formato foi Noemí Agruñá. O noso agradecemento polo seu fermoso traballo.
O día 23 de abril, Día do Libro, o alumnado repartiunas entre os seus compañeiros e compañeiras da ESO.
Logo decidimos que a mensaxe da postal podería ir máis alá. Como o 2 maio é o Día Internacional Contra o Acoso Escolar, pensamos que estaría ben envialas, co contido que cadaquén desexase, a unha persoa que tivese un significado especial para nós.
Das seguinte fotos, a primeira foto foi realizada o Día do Libro deste curso e a segunda hai uns anos.
Serías quen de atopar o "elemento" común nas dúas ringleiras de persoas?
2026
2020
Efectivamente! Nas dúas está presente Alba, antiga alumna do centro e agora compañeira, coa que tivemos a sorte de compartir uns meses este curso.
No seu momento formou parte do Club de Lectura e participou nunha actividade en parte semellante á que estabamos a desenvolver. Daquela consistiu en que os rapaces e rapazas enviasen unha carta aos seus avós ou avoas. Resultou unha experiencia tremendamente emotiva tanto para quen a escribiu como para o destinatario.
Alba, ademais, tivo a xenerosidade de acudir á reunión do club e recomendar unha das súas lecturas preferidas. Compartiu con nós a sinopse da mesma e explicou as razóns polas que o alumnado debería lela. Comentou que se ben ao principio lle pareceu que era unha temática difícil, e que comezara a lela con certas reservas, desfrutouna desde a primeira á última páxina.
Gustounos a idea no primeiro ciclo e unímonos a esta iniciativa!
Trátase de Bajo la misma estrella, de Jhon Green.
Dámoslle as grazas pola súa implicación nas actividades.
Este curso, por cuestión de horarios e actividades diversas, non puidemos realizar unha actividade conxunta co alumnado de 6º de primaria (como fixeramos cando cursaban 5º). Pero aínda así non quixemos deixar de ter unha xuntanza con eles.
Algunhas das alumnas do Club de Lectura de secundo ciclo entregáronlles cadansúa postal.
Entre todos e todas comentamos cal foi a razón da súa realización e o que a imaxe e o texto significaban.
Como sempre, foi un pracer contar coa súa compañía.
Esperamos que o curso que vén se animen a formar parte do noso club.
No hay comentarios:
Publicar un comentario