8.6.17

Itinerario por Santiago de Compostela


Xa na recta final e coas vacacións axexando á volta da esquina despedímonos do noso Club de Lectura ata o vindeiro curso. E para deixar en todos nós un estupendo sabor de boca decidimos percorrer mundo; e  marchamos a Santiago!

 Boa elección, non? A súa incuestionable importancia histórica, arquitectónica, literaria..., cultural en xeral, fai que esta cidade ofreza unha fonte inesgotable de atractivos para o visitante. Será por isto que sempre foi e será punto de encontro  de moitos dos nosos escritoras e escritores máis emblemáticos.
A nosa principal pretensión era que o alumnado  gozara percorrendo  as rúas santiaguesas  do casco histórico e lugares contiguos, descubrindo non só o  seu aspecto cultural, senón tamén curiosidades, anécdotas, o ambiente universitario e cosmopolita da cidade...

Así que, formáronse dous grupos de catro  persoas, que  na Praza do Obradoiro leron algúns fragmentos seleccionados da obra Trece badaladas de Suso de Toro para entrar en ambiente. A continuación, coa información precisa, un plano da cidade e cheos de enerxía,  partiron a realizar  un mesmo itinerario, pero comezándoo desde puntos opostos da cidade. A consigna era: fotografar a esgalla!

Para os profes resultou realmente gratificante acompañar a este grupo de alumnado tan heteroxéneo que, con idades comprendidas entre os 12 e 15 anos, funcionaron coma unha piña.  E claro, a boa sintonía trae consigo bos resultados.

A continuación ofrecémosvos  os interesantes documentos aportados polos nosos intrépidos reporteiros gráficos.




BARRIO DE BONAVAL

O PANTEÓN DE GALEGOS ILUSTRES

O convento de San Domingos de Bonaval foi fundado no século XIII por Santo Domingo de Guzmán e reconstruído en estilo barroco nos séculos XVII e XVIII. A parte máis notable proxectouna o arquitecto Domingo de Andrade.
A igrexa data da época da fundación do convento e sufriu tamén diversas reformas e adicións ata o século XVI. Neste edificio atópase o Panteón de Galegos Ilustres, no que repousan os restos da poetisa Rosalía de Castro, o político rexionalista Alfredo Brañas, o escultor Francisco Asorey, o poeta Ramón Cabanillas, o xeógrafo Domingo Fontán e o artista e político nacionalista Afonso Rodríguez Castelao.
Xa que os restos de Castelao realizaron unha longa viaxe dende o cemiterio da Chacarita en Bos Aires ata aquí en 1984, realizade a foto do panteón onde está enterrado este gran artista.








TRIPLA ESCADA DE CARACOL

Construída por Domingo de Andrade, a tripla escada de caracol é un verdadeiro prodixio xeométrico da arquitectura de tradición palladiana e unha solución para aproveitar o único oco dispoñible. Os chanzos, dunha soa peza, están encaixados no muro e suxéitanse nun nervio exterior con forma de espiral logarítmica. Un bo sitio para facer unha foto.





CGAC

Xunto ao convento temos o edificio que acolle o Centro Galego de Arte Contemporánea, proxectado no ano 1993 polo arquitecto portugués Álavaro Siza, merecedor dos premios máis importantes de arquitectura a nivel internacional: o Mies van der Rohe e o Pritzker. De estilo racionalista, o edificio emprazouse na antiga horta do convento cun respecto pola contorna moi de agradecer. Imaxino unha construción de Santiago Calatrava e dáme arrepíos. Aínda que sobrio, é unha unha obra de vangarda que insiste na súa horizontalidade e volumetría prismática triangular. Ademais, a porosidade do granito exterior tende, co paso do tempo, a variar de cor e así integrarse cos seus veciños. Pasemos agora dentro e gocemos cos limpos espazos expositivos cheos de luz indirecta. A ver que obras nos ofrece... Non deixedes de visitar o Espazo Dobre.



XARDÍN DE BONAVAL

Entre o Museo do Pobo Galego e o CGAC podemos iniciar agora un paseo polo xardín, conxunto que aglutina o antigo cemiterio, horta e carballeira do convento. A intervención feita pola arquitecta galega Isabel Aguirre e o xa mencionado Alvaro Siza é un exemplo da perfecta adaptación á topografía e aos elementos preexistentes. O deseño ideado conxuga á perfección as formas ondulantes das ladeiras coa xeometría recta de bancadas e camiños, polos que podemos acceder a fontes, canais e pequenos alxibes así como a escultura con que o artista Chillida fai unha homenaxe aos tellados da cidade. Que tal unha foto no seu cemiterio onde ademais se fan multitude de concertos?








RODEANDO Á CATEDRAL


PRAZA DO OBRADOIRO

Agora estamos no centro desta cidade declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en 1985, xusto no quilómetro 0, na Praza do Obradoiro, chamada así por que é onde traballaban os canteiros nas pezas para a construción da Catedral. É o lugar de chegada de milleiros de peregrinos; o final do Camiño.









A CATEDRAL

A Catedral, comezada no ano 1075 baixo o reinado de Afonso VI e co patrocinio do bispo Diego Peláez, foi construída sobre unha igrexa prerrománica, reducida a cinzas por Almazor no ano 987. Sufrirá numerosas remodelacións ao longo do tempo. Antes de entrar contemplemos os 75 metros de altura que nos ofrece a súa fachada barroca. Deseñada cunha planta de cruz latina, posúe un gran cruceiro e unha enorme cabeceira con deambulatorio. Tanto o corpo central como o cruceiro están compostos por tres naves para favorecer o fluxo incesante de peregrinos.








 PÓRTICO DA GLORIA

Entrando na catedral descubrimos o Pórtico da Gloria, obra do Mestre Mateo. Esta exuberante portada representa a gloria celestial, a salvación tras o Xuízo Final, segundo a Apocalipse. O pórtico divídese en tres arcos de medio punto que se corresponden con cada unha das tres naves da igrexa, sostidos por grosos piares con columnas encostadas. O arco central é o maior, único que posúe tímpano, está dividido por unha columna central, o parteluz, coa figura de Santiago. Verticalmente, a franxa inferior está formada polas bases das columnas, decoradas con animais fantásticos, a franxa media está formada por columnas que sustentan as estatuas encostadas dos apóstolos e a superior polos arcos que coroan as tres portas. Entre todas as figuras hai unha moi curiosa que atrae a mirada de moitos visitantes; trátase do profeta Daniel, que nos recibe cun pícaro sorriso. Inaudito no románico!



O SANTO DOS CROQUES
Tras a columna máis estreita (o parteluz central do Pórtico) atopamos unha escultura que representa a un home axeonllado, coa cabeza gacha e actitude humilde e de oración cara ao Altar Maior. Existen varias teorías sobre quen é este personaxe. As máis estendidas son: que se trata dunha representación do Mestre Mateo ou ben que é a figura dun peregrino anónimo.
A tradición di que se o visitante dá tres golpes coa súa cabeza contra a testa da figura, o Mestre Mateo transmítelle a súa sabedoría. Sendo Santiago unha cidade universitaria podedes imaxinar que moitos estudantes acudimos, e seguen a acudir, en procura da axuda do mestre. Hoxe en día non está permitido realizar este tradicional costume. Pero podedes probar se facer unha foto ao seu carón tamén xorde efecto.
Dade unha volta e saíde pola mesma porta.

HOSTAL DOS REIS CATÓLICOS

Ao saír temos que dirixirnos á dereita para ver máis de cerca o edificio, de estilo plateresco construído por orde dos xa mencionados para dar acubillo a aqueles que precisaban auxilio médico ao finalizar o camiño. Actualmente é Parador Nacional. Ah!, xa sabemos como lles gustan as fotos á realeza. Tedes que buscar os seus retratos. Están ben á vista.






CATRO SOTAS

Xa que estamos, acheguémonos ao miradoiro da esquerda para contemplar as Catro Sotas que rodean o campanario de Igrexa de San Frutuoso, de estilo barroco churrigueresco. Como vedes, nesta barralla xogan as Virtudes Cardinais: Prudencia, Fortaleza, Temperanza e... Sabedes cal é a cuarta?




PAZO DE RAXOI

Trátase dunha edificación neoclásica, ordenada polo arcebispo Bartolomé Rajoy e construído polo enxeñeiro francés Carlos Lamaur. O escritor Manuel Rivas na súa obra O lapis do carpinteiro evoca a estadía dos que sufriron represalias durante a guerra civil neste pazo, pois foi cárcere no seu momento. Destaca no cume do frontón a imaxe de Santiago Matamoros.
Unha pregunta. Cantos arcos de medio punto ten? E con lintel?





COLEXIO DE SAN XEROME

Acheguémonos agora ao Colexio de San Xerome, actual Reitorado. Foi fundado polo arcebispo Fonseca III para albergar a estudantes pobres. É un edificio de liñas puras e dous corpos de altura. Non notades nada? E ese pórtico? Encaixa co resto da construción? Sabede que se trasladou do Hospicio de Azabachería. Por isto unha peza do románico-gótico quedou incrustada nunha renacentista do século XVI.

Antes de saír da Praza podemos observar como en todas as edificacións, de distintos estilos, está representado Santiago aínda que de diferentes formas: como guerreiro, como santo peregrino, como apóstolo e como camiñante.







PAZO DE FONSECA

Entrando pola Rúa do Franco temos que parar para elixir a carreira universitaria que imos estudar. Non é unha boa forma de facer a elección, pero imos ver o que nos di o azar. Para isto teremos que buscar a Arbore da Ciencia na parede do Pazo de Fonseca e, segundo a tradición, dar tres voltas e logo, de costas, dirixir a man dereita cara a árbore. Vou estudar...

Entremos no Pazo, considerado como a orixe da Universidade Compostelá, que inicia aquí a súa andaina no ano 1545, por iniciativa de Alonso de Fonseca III. Destaca a súa fachada de estilo plateresco e o seu claustro. Non vos vaiades sen antes visitar a capela gótica con bóveda oxival e o salón artesonado. Mirade para o teito, claro.











CASA DO CABIDO

Encaremos agora a Rúa de Fonseca para chegar Praza das Praterías. Sabedes por que se chama así, verdade? O primeiro que veremos é a Fonte dos Cabalos, inspiradora do poema “Danza da Lúa en Santiago” de García Lorca. Ao seu lado a Casa do Cabido decorada con motivos xeométricos típicos do barroco compostelá. Deseñouna Fernández Sarela en 1758 cunha intención puramente escenográfica, cerrando así a praza. Todo un decorado este “edificio-anuncio”. Podedes medir, máis ou menos o groso deste edificio? Dános.......... metros. A Casa do Cabido forma parte da rede de museos da cidade e en datas concretas brinda aos visitantes a oportunidade de experimentar a sensación de estar no interior dunha cámara fotográfica, pois funciona como cámara escura. Preguntade, a ver si tedes sorte e está en funcionamento.










PÓRTICO DAS PRATERÍAS

É o momento de ascender ata o Pórtico Das Praterías. Localizado no cruceiro sur, é a única fachada románica que se conserva da catedral, ofrecendo ao visitante multitude de pasaxes bíblicas en tímpanos, xambas, columnas...Construíuse entre 1078 e 1103 pero foi danada durante unha revolta contra Diego Xelmirez e noutra ocasión a mediados do século XV. Ten unha composición especialmente abigarrada. Esa acumulación case caótica é produto das vicisitudes que pasou, as distintas modificacións e a mestura de pezas procedentes doutras portas. Poderiades atopar o nacemento tanto de Adan como de Eva?






TORRE DA BERENGUELA

A Torre do Reloxo, tamén chamada da Trinidade foi levantada no século XIV como torre defensiva polo arcebispo Diego de Padrón, para máis tarde ir medrando en altura ata que no século XVI Berenguer Landoira lle suma os corpos superiores, alcanzando os 70 metros. Alberga dúas campás: unha é a “dos cuartos” e a outra a Berenguela (con 9600 quilos dá as horas en Do grave). Son réplicas exactas das orixinais, que se atopan no claustro da Catedral. Lembrade o texto de Suso de Toro, e que non vos pille a décima terceira badalada. Antes de seguir facédelle unha foto á agulla dos minutos.








PRAZA DA QUINTANA

A praza aparece dividida por dous planos. A parte inferior, a Quintana dos Mortos, foi lugar de enterramento ata 1780, cando por razóns sanitarias e por falta de espazo se trasladou ao cemiterio de San Domingos de Bonaval. O longo muro barroco que protexe a cabeceira románica da catedral continua ata a Porta Santa, meta dos peregrinos que chegan na busca do xubileu. A parte superior, loxicamente chámase a Quintana dos Vivos, e alí atópase a Casa da Parra, obra de Domingo de Andrade, convertida na actualidade en galería de arte.







Subamos agora polas escadas para dirixirnos pola Rúa da Azabachería, pasar fronte San Martín Pinario e chegar outra vez á Praza do Obradoiro.



ALAMEDA


ROSALÍA DE CASTRO

Rosalía de Castro naceu en Santiago o 24 de febreiro de 1837. Por ser filla de nai fidalga solteira e eclesiástico aparece rexistrada como filla de pais descoñecidos e pasou a súa infancia en Ortoño ao coidado dunha tía paterna. Xa na adolescencia volveu a Santiago onde viviu coa súa nai e gozou das facilidades que a súa posición social lle ofrecía desenvolvendo, por exemplo, diversas actividades artísticas no Liceo de la Juventud.
Do que non cabe dúbida é de que se trata da nosa escritora máis emblemática. Do mesmo xeito deixou unha importante pegada na literatura española do Romanticismo.
Curiosidades sobre esta autora son:
  • a súa imaxe aparece no anverso do último billete de 500 pesetas, emitido no ano 1979, sendo xunto coa raíña Isabel a Católica a única personaxe non alegórica retratada no anverso dun billete propiamente español.
  • un avión da compañía aérea Iberia foi bautizado co seu nome.

Como non podía ser doutro xeito a súa cidade natal dedicoulle unha escultura que está situada na Alameda no paseo da Ferradura
Na obra podemos atopar un coñecido poema da escritora, localízao.











AS DÚAS MARÍAS

Unha estatua á entrada da Alameda representa a dúas mulleres collidas de ganchete e cunha maquillaxe e roupas coloridas e extravagantes. “As dúas Marías” ou “As dúas en punto” eran dúas irmás, Coralia e Maruxa Fandiño, ao principio tres, que saían a pasear pola alameda e outras rúas de Santiago ás dúas do mediodía día tras día e intentaban mocear cos estudantes universitarios. Vítimas da dureza da posguerra, viviron nunha perenne ilusión de xuventude.
Facede unha foto ao carón destas entrañables mulleres.






VALLE-INCLÁN

Ramón María del Valle-Inclán naceu o 28 de outubro de 1886 en Vilanova de Arousa (Pontevedra). Foi un dos escritores en castelán máis relevantes da súa época. Destaca como renovador do teatro de principios do século XX e por ser creador da técnica literaria que el mesmo denominou esperpento, coa que persegue poñer de manifesto os aspectos máis absurdos da sociedade española da súa época. Unha das súas obras máis coñecidas é Luces de Bohemia.
Foi un home excéntrico e bohemio: cambiou os seus apelidos (Valle y Peña), parece que se alistou en México como soldado, perdeu o brazo esquerdo nunha violenta liorta con outro escritor, inventou toda unha trama da súa vida na que se mestura realidade e fantasía...
Durante a súa estancia en Compostela viviu no número 45 da rúa do Franco.
Segundo parece sentaba nun banco do Paseo dos Leóns desta alameda a admirar a catedral. Nese mesmo lugar podemos atopar agora a súa estatua.
Admirade vós tamén tan fermosas vista e inmortalizádevos ao lado de tan insigne personaxe.









ANDANDO POLAS RÚAS

O DERBY

Un dos cafés máis emblemáticos de Galicia é o Derby. Situado na rúa da Orfas, no número 29, forma fronteira entre o casco histórico e o ensanche compostelán. Abriu as súas portas no ano 1929 e axiña se converteu nun dos faladoiros galegos máis importantes. Dende 1935 pertence á mesma familia.
A decoración está moi coidada: a madeira do zócalo é de caoba traída expresamente de Cuba; o mostrador de mármore de Carrara (Italia); as vidreiras son tamén italianas, da casa de Venecia...
Nalgunhas das cadeiras que se conservan sentaron personaxes da talla de Valle-Inclán, Maside, Seoane, Castelao, Rafael Dieste, ou Carlos Casares (autor ao que se lle dedican este ano as Letras Galegas).
Botade unha ollada e, claro, aportade documentación fotográfica.











ARCO DE MAZARELOS

A porta barroca de Mazarelos é a única que se conserva das sete portas da antiga muralla que defendía á cidade das invasións. Nun principio con estacada e foso, logo pasa a se converter en muro de cinco metros de alto e dous e medio de groso e numerosas torres. Baixo o seu arco de medio punto, segundo o Códice Calixtino, entraba un produto. Cal?
A escasos metros tedes a oportunidade de ollar para a Facultade de Xeografía e Historia, de estilo neoclásico, proxectada por Melchor de Prada no século XVIII. Unha pena non poder visitar o paraninfo, reitorado e biblioteca.







PRAZA DE CERVANTES

No século XII este lugar era coñecido como o “Foro” porque era o lugar de reunión popular e onde o pregoeiro lía os acordos municipais e as ordeanzas do arcebispo.
Posteriormente, ao especializarse na venta de alimentos e outras mercadorías, pasou a chamarse “Praza do Campo” e adquiriu a categoría de mercado municipal.
Unha vez trasladado o mercado á Praza de Abastos a finais do século XIX pasou a denominarse Praza de Cervantes. Un busto do escritor coroa a fonte e recórdanos que o autor de Don Quijote era portador de dous apelidos de orixe galego, un era Cervantes e o outro? Buscade a placa na que o indica.






LIBRERÍA COUCEIRO

Nesta mesma praza (Cervantes) atópase unha das librerías máis antigas de Santiago. Mudou varias
veces de localización, para volver agora ao casco histórico da cidade. O edificio, rehabilitado, conserva elemento dos séculos XVI e XVII, como por exemplo o sistema de canalizacións.
Está especializada no libro galego e publicacións antigas. Consta de varios andares: o primeiro piso está dedicado a libros en galego, no segundo atopamos libros antigos, o taller de encadernación artesanal ocupa o terceiro, o soto destínase ao libro infantil e a planta baixa a libros en castelán e guías.
O dono recorda como hai apenas 30 anos o libro galego era perseguido. “Viña a policía unha ou dúas veces por semana a visitarte”, comenta.
Pedide asesoramento aos/ás libreiro/as e mercade un libro de literatura infantil (para cinco anos) en lingua portuguesa. Foto no establecemento co libro!!!

















A CASA DA TROIA

Na Casa da Troia, situado no número 5 da rúa que leva este mesmo nome, hai hoxe un museo no que o visitante pode apreciar como vivían os universitarios nunha pensión de estudantes a finais do século XIX.
Este edificio funcionou como hospedaxe entre 1886 e 1906. Dende 2008, ano no que o museo abriu as súas portas, poden visitarse estancias como os dormitorios, a sala, o comedor, a cociña e o soto. Tamén se exhiben instrumentos musicais e obxectos relacionados coa tuna, ademais de contar cunha importante biblioteca histórica.
A fama desta casa vén dada pola publicación da novela La Casa de La Troya De Alejandro Pérez Lugrín.
Se hoxe non nos dan pensión teremos que conformarnos coa foto da súa fachada.




PASEO POLA RÚA DO VILAR E RÚA NOVA

Agora é momento de dar un paseo sen máis pretensións que deixarnos levar por estas fermosas rúas, pasar debaixo dos seus soportais, que desde séculos ampararon das choivas tan abundantes na cidade, e ceder aos ollos a vontade de reparar onde eles queiran. O que non deberiades perdervos é pasar dunha rúa á outra pola segunda vía máis estreita de Compostela, chamada Entrerrúas. E se queredes ver onde os irreverentes estudantes ganaban o xubileu pagán só tedes que achegarvos ao número 15 da Rúa do Vilar e nun capitel observaredes o queimado que ten o cu o anxo sufridor.





NA BUSCA DE MARCAS DE PROPIEDADE NAS CASAS DE SANTIAGO

Na idade media a popularidade do Camiño de Santiago correu como a pólvora e a cidade creceu rapidamente en poboación e tamaño. Construíronse moitas casas para acoller a toda esa nova veciñanza que chegaba para se buscar a vida. A construción era cara e o normal é que as propiedades foran de entidades civís e relixiosas. Ademais non era fácil saber a quen pertencían os inmobles dispoñibles. Un sistema complexo de alugamento provocou que durante os séculos XVII e XVIII marcaran as propiedades que posuían con símbolos e grafías representativas nas fachadas, normalmente en linteis e xambas.
Tedes que localizar ao menos unha das seguintes. Pero como ides a cen por hora, aquí vai unha axuda.
- Moi numerosas son as pertencentes ao Cabildo Catedralicio, unhas 120 por toda a cidade. A imaxe é a VIEIRA. Podedes localizala en Rúa do Franco 15 e Rúa do Vilar 41.






- O CÁLIZ, propiedade do Concello de Santiago. Rúa Casas Reais 31 e Cervantes-Preguntoiro 1-5.



- Do Mosteiro beneditino de San Martín Pinario, que logrou ser o máis próspero e poderoso, o PINORúa Casas Reais 28 e Rúa do Vilar 66.







- O escudo de CINCO ESTRELAS, orixinario dos Fonseca, desvinculouse do apelido máis tarde para representar á Universidade. Rúa Casas Reais 12 e Avenida de Raxoi 1.











- A CRUZ POTENZADA recordarvos a que podemos ver en calquera hospital ou farmacia. Como non, representación do Hostal do Reis Católicos. Rúa San Francisco 1-4
- A POMBA, representación da Confraría do Espírito Santo. Praza da Universidade 8. Rúa de Mazarelos 15.
Existen outras, pero por hoxe xa nos chegan, mais se as vedes non dubidedes en fotografalas e despois comentámolas.

E POR FIN, UN XEADO BEN MERECIDO




 CUESTIONARIO

Agora que xa realizastes un amplo periplo por esta monumental cidade imos ver se sodes quen de responder a unhas cantas preguntas. Un último esforzo e poñede as cabeciñas a funcionar. Tranquilos que é fácil!!!

  1. De que cidade trouxeron os restos de Castelao a Galicia?
  2. A quen se cre que representa a figura do personaxe que máis cabezazos ten levado de todo Santiago?
  3. Lembrades o valor do billete no que aparecía o retrato de Rosalía de Castro?
  4. Ademais de “As dúas Marías” por que outro nome eran coñecidas estas dúas irmás?
  5. Entre os moitos avatares que sufriu na súa vida Valle-Inclán, un deles foi a perda dun brazo. Podedes recordar que foi o que o ocasionou?
  6. Carlos Casares (Letras galegas 2017) frecuentou moitos lugares de Santiago. Nas pistas dadas neste xogo faise referencia a un en concreto, dinos cal é.
  7. Que praza foi denominada nun primeiro momento o “Foro” porque era o lugar de reunión popular e onde o pregoeiro lía os acordos municipais e as ordeanzas do arcebispo?
  8. En que está especializada a librería Couceiro?
  9. Facede memoria e dicídenos por que razón saltou á fama “A Casa da Troia”
  10. Do texto que limos de Suso de Toro, poderías lembrar dous lugares do que fai mención?
  11. Que forma xeométrica ten as escadas do Convento de Bonaval deseñada por Domingo de Andrade?
  12. Recordades como se chama o arquitecto que proxectou o CGAC? E o estilo?
  13. Por que recibe a Praza do Obradoiro o seu nome?
  14. No Pórtico da Gloria, onde aprace a figura do Apóstolo Santiago?
  15. En que pazo comenzou a súa andaina a Universidade de Santiago? En que ano?
  16. Con que intención foi construída a Casa do Cabildo?
  17. Recordades o estilo arquitectónico do Pórtico de Praterías? Cantas columnas de mármore ten?
  18. Cantas porta tiña a antiga muralla de Santiago?
  19. A parte máis baixa da Praza da Quintana era utilizada para ....
  20. A pesada campá chamada Berenguela está afinada nunha nota. Cal?

1 comentario:

  1. Marabilloso roteiro. Parabéns desde o CEIP San Francisco Xabier.

    ResponderEliminar

Todo o que se publica neste blog respecta os dereitos de autor.
Se alguén considera que algunha imaxe ou calquera outro elemento publicado vulnera estes dereitos, agradeceriamos se nos comunicase para eliminalo inmediatamente. Grazas